O incendio de Boiro foi provocado, segundo o alcalde e Medio Rural

O incendio de Boiro foi provocado, segundo o alcalde e Medio Rural

16 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O alcalde de Boiro, Xosé Deira, asegura que o incendio forestal declarado na noite do sábado para o domingo está ‘bastante controlado’ e denuncia que ‘prenderon lume’ e puxeron ‘en perigo as persoas que o estaban sufocando’. Arderon 450 hectáreas, segundo a valoración da Consellería de Medio Rural, que tamén coincide en apuntar ao carácter intencionado do lume.

"Entre a 01h00 e 02h00 vimos como aparecía un foco por detrás -dos medios de extinción- coa intención de pór en perigo a persoas que estaban sufocando o incendio", destacou, á vez que insistiu en que ten "indicios" de que "foi provocado", xa que se rexistraron "varios focos".

O rexedor municipal comentou que tamén de madrugada "algunha casa" estivo "en perigo" polo lume, pero en ningún momento foi necesario desaloxar veciños, segundo puntualizou, aínda que as lapas "estiveron a menos de cen metros".

No entanto, Xosé Deira recalcou que a partir das 03h30 deste luns, aproximadamente, o incendio, que queimou unhas 450 hectáreas, segundo unha estimación inicial, quedou "bastante controlado".

O alcalde de Boiro atribuíu "á falta de coidado" do monte a expansión do lume porque "co vento e a seca calquera cousa é dinamita". "Non está ben coidado. Non nos preocupamos o resto do ano do monte", lamentou Xosé Deira, quen recalcou que non só se trata "dunha cuestión ecolóxica, senón económica". Neste sentido, sinalou que habería que "darlle outra política".

Sociedade