O informalismo e a pureza cromática de Menca Estévez

O informalismo e a pureza cromática de Menca Estévez

15 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A exposición de pintura da artista Menca Estévez na Casa de Galicia en Madrid mostra unha recompilación da súa obra pictórica que abrangue desde o 2006 ao 2009. Esta exposición poderá visitarse ata o 27 de febreiro. A artista quere con esta exposici&oac

A pintora Menca Estévez é unha artista moi interesada na investigación da cor e a percepción visual, experimentando coa luz e os seus reflexos. Para ela, a cor é máis que un instrumento para expresarse, é a expresión mesma, de aí que a artista prefira traballar coa pureza cromática, modulando as tonalidades e xogando co movemento con axente creador, na que o azar ten tamén un papel  relevante. Na súa obra, a cor acaba por modular as tonalidades sen mestura, de modo que consegue que cada unha das diferentes concrecións cromáticas falen en toda a súa potencialidade lírica.

O ambiente familiar, aberto a todas as manifestacións da cultura, especialmente a plástica e a música, acaso condicionaron a vocación de Menca Estévez. Varias das súas irmás son tamén artistas nos campos do canto e a interpretación musical. Cursou a carreira de Belas Artes na Facultade de Salamanca desde 1988 a 1993, e o doutoramente no bienio seguinte, na de Pontevedra, con aprobación do seu proxecto de tese sobre análises e valoración do artista vigués Fernando Casás. Asistiu a varios cursos nas universidades do País Vasco e de Zaragoza e viaxou por numerosos países de Europa e América.

Comezou a expoñer na mostra colectiva "Arte Xove Galega" e participou noutros moitos certames deste carácter en toda Galicia. Individualmente expuxo por primeira vez na Sala de Arte de CaixaVigo, e máis tarde fíxoo noutras cidades de Galicia.

Posúen obra súa, a Xunta de Galicia, o Reitorado da Universidade de Vigo, o Museo Carlos Maside e diversas institucións galegas.

Menca Estévez é case por completo informalista. Sobre vagas referencias constrúe un mundo de tonalidades no que dominan os ocres e os sienas. Existe nela unha preocupación íntima pola materia que, non obstante, chega ao soporte como descoidada, ao modo da apariencia de muros descunchados, continuamente repintados.

 

CASA DE GALICIA R/ Casado del Alisal, 8. 28014 Madrid Tlf.:91 595.42.00

 

Horario: de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Cultura