O judo recupera a normalidade

O judo recupera a normalidade
14 de Febreiro, 2022 - 12:45 h. | Publicada por Radio Fene

Máis de 500 judocas participaron esta fin de semana en Fene na segunda xornada da Liga Galicia Rías Altas, nas categorías cadete, infantil e alevín, e nunha nova xornada de Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), actividades que se complementaron cunha charla sobre as novas normas de arbitraxe en judo e cunha master class, dirixida polo deportista olímpico Roberto Naveira. Logo dunha fin de semana tan intensa no pavillón de San Valentín, os organizadores -Concellería de Deportes de Fene, Club Artes Marciais Fene e AD Judo Ferrolterra- salientan que “o judo galego comeza a recuperar a normalidade nas súas actividades”. 

Judo en San Valentín

As xornadas de judo comezaron o sábado coa celebración da segunda sesión da Liga Galicia Rías Altas, nas categorías cadete, infantil e alevín, que concluiu coa seguinte clasificación final por equipos: 1º Compostela Judo Club, 2º Judo Club Ximnasio Fibra, 3º Judo Club Cambre e 4º A. D. Judo Ferrolterra.  
Ao remate da competición, judocas, adestradores e árbitros asistentes, participaron nunha charla sobre arbitraxe, con Jaime Roque, Director de Arbitraxe da Federación Galega de Judo. Nela, déronse a coñecer as modificaciones existentes no regulamento de competición de judo.  O programa continuou o sábado pola tarde cunha Master Class, dirixida polo deportista olímpico e director técnico da Federación Galega Roberto Naveira, á que asistiron perto dun cento de judocas de diferentes categorias. 
Para finalizar as xornadas de judo, o domingo pola mañá foi o turno para o XOGADE (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) na zona de Ferrolterra e Lugo, coa participación tamén dun club de Santiago. Nela, xuntáronse ao redor de 250 mozos e mozas judocas, para gozar dunha xornada lúdica de judo na que o de menos é o resultado competitivo acadado.  

 

Deportes

Publica o teu comentario agora