O litro de leite a trinta e tres céntimos

O litro de leite a trinta e tres céntimos

12 de Setembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O litro de leite pagouse aos produtores en Galicia no pasado mes de xullo a trinta e tres céntimos. O panorama para o sector lácteo é negro, se temos en conta que nos últimos sete anos pecharon na comunidade tres mil cincocentas granxas. Quedan nove mil novecentas explotacións gandeiras que traballan nun escenario de incertidume agravado polo veto ruso ás importacións europeas.

O secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.), Roberto García, denunciou que Galicia caeu "por primeira vez" ao último posto do Estado das comunidades co prezo do leite máis barato en orixe, ao situarse con 0,337 céntimos de euro por litro no mes de xullo, por baixo da media en España (0,35 céntimos), na Unión Europea (0,37 céntimos) ou en países netamente exportadores como Holanda (0,39 céntimos) ou Dinamarca (0,41 céntimos).

   Segundo criticou, esta situación agrávase se se ten en conta que no últimos sete anos Galicia perdeu "case 3.500 gandeiros", cuns efectos no traballo que supoñen que en cada granxa existe unha media de dous postos de traballo por cada titular, ao que se unen os postos de traballo indirectos perdidos de comerciais agrogandeiros ou pequeno comercio.

   Así, a seis meses da entrada en vigor do libre mercado no sector lácteo, "Galicia está a quedarse sen músculo produtivo" para enfrontarse aos mercados en 2015 sen cotas. E máis, tendo en conta que Francia, por exemplo, conta con máis de 56.000 empregados, uns 25.000 millóns de litros de produción, 70.000 explotacións e o volume de axudas á produción duplican as que percibe un gandeiro galego, segundo datos de UU.AA.

Sociedade