O loitador vilalbés José Cuba recibirá unha axuda da Deputación para afrontar a súa participación en Londres 2012

O loitador vilalbés José Cuba recibirá unha axuda da Deputación para afrontar a súa participación en Londres 2012

09 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Pazo de San Marcos foi o lugar escollido para render unha homenaxe ao campión lugués. Segundo expresou o propio Antón Bao, a intención do organismo provincial con esta recepción era “render unha homenaxe a Cuba polos seus éxitos logrados para o deporte lucense e apoialo o máximo posíbel de cara a ese enorme reto que supón lograr a clasificación para os xogos olímpicos de Londres en 2012”. Para elo, o vicepresidente da Deputación e responsable da súa área de Cultura e Deportes, vaise outorgar unha axuda de 10.000 euros ao Club de Loita Vilalba, club no que adestra o deportista Cuba, “para apoiar o deporte da loita, que desde Vilalba está a acadar grandes éxitos a nivel estatal, e conseguir que a súa difusión aumente desde as bases”.

 

Pola súa banda, José Cuba mostrouse moi agradecido á Deputación por este recoñecemento e polos apoios que está a recibir desta institución o Club de Loita Vilalba, axuda que para Cuba é “indispensable” e “fai que nos poidamos centrar moito máis en adestrar, o que repercute moi positivamente nos resultados deportivos que se acadan”.

 

Hai que lembrar que a Área de Deportes da Deputación tamén apoiou a deportistas individuais de cara a outorgarlles unha axuda complementaria para sufragar os gastos motivados pola súa participación en competicións a nivel estatal. De feito, xunto a José Cuba, outros tres loitadores do Club de Loita de Vilalba recibiron na súa primeira convocatoria unha axuda a deportistas individuais.

 

Este ano, tal como se anunciou hai unhas semanas, a Área de Deportes da Deputación volverá a convocar este tipo de axudas a atletas, que teñen como obxecto apoiar a práctica e o rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico e á obtención de maior rendemento nas respectivas modalidades deportivas, como posibilitar a súa participación en eventos deportivos, facilitándolles aos deportistas lucenses o acceso a unha preparación integral axeitada.

Deportes