O look de Raffaella conquista Perlío

O look de Raffaella conquista Perlío
05 de Setembro, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

A praza da Escola de Perlío desprega a súa alfombra roxa para os numerosos veciños e veciñas que se achegan cada día para contemplar o retrato e a mirada de Raffaella Carrá. Trátase do mural realizado por Leticia Mandrágora dentro da segunda edición do Perla mural fest. 

ESCOITA O PODCAST:

O look de Raffaella Carrá conquista Perlío:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/050924CARRA.mp3

Fotografia Xan Xe

Raffaella Carrá, a diva italiana, morreu en 2021. Lembrada polo seu carácter forte e independente. Declarábase publicamente comunista e feminista. Gravou programas na televisión italiana e española conseguindo grande popularidade durante décadas. Entre os seus temas con máis sona destacan: Fiesta, Para hacer bien el amor, Que dolor, Rumore e Caliente, caliente. Cantante, actriz e presentadora con humanidade, risa e talento, chegou a ser unha icona do star system mundial.
Raffaella Carrá realizou cando menos catro xiras por Galicia. En  agosto de 1977 actuou no Pazo dos Deportes da Coruña e na sala Nova Olimpia de Vigo. En marzo de 1978 anunciouse na sala de festas As Airas de Carballo. Nese mesmo ano 1978 actuou en  El Seijal en Oleiros con Los Españoles, o domingo 5 de novembro de 1978, e en  Ordes na sala Ordenes 2000 o sábado 11 de novembro. Tamén en agosto de 1981 anunciábase a participación de Raffaella Carrá nun espectáculo na sala Zeus de Pontedeume. 
O propietario e xerente do Perla Juan Vicente Veiga Rivera lembraba de xeito especial a actuación de Raffaella Carrá. O seu fillo aínda era un neno pero recorda como fora saudar no camerino á artista italiana. O Perla novo abriu ao público o vintedous de decembro de 1974. Pechou as súas portas en 1983. 
Raffaella Carrá converteuse na mellor diva de 17 metros para a ría de Ferrol. A artista italiana actuou no Perla en 1978 e renace nun mural en Fene de Leticia Mandrágora: “Liberdade e festa”. O simbólico azul da muralista identifica o misterio feminino, a muller é como a nai terra, que é azul polo ceo e polo mar. Grazas ao Perla Mural fest, a paleta de cores de Leticia nos traslada a elegancia e o glamour de Raffaella.

 

Fotografía Xan Xe
 

Sociedade

Publica o teu comentario agora