O lume que alampea no Santo Amaro

O lume que alampea no Santo Amaro

14 de Setembro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

"Pode o corpo ser vencido, pode o dereito ser torto, máis o lume que alampea, máis o lume que alampea, xamais o veredes morto". Celso Emilio Ferreiro adicoulle esas Notas necrolóxicas a un poeta sen fortuna. Agora, nas visitas nocturnas e guiadas ao cemiterio de Santo Amaro na Coruña, alampea de novo o lume dos poetas e das xentes da cultura alí sepultadas.

A irmá pequena de Picasso, Conchita, é unha das persoalidades relacionadas co mundo da cultura que repousa no cemiterio de Santo Amaro, na Coruña. Con sete anos de idade faleceu de difteria o dez de xaneiro de 1895. A historia de Conchita é unha das que relata Suso Martinez, guía e historiador, que, transformado no persoaxe de Fiz de Cotovelo, acompaña aos participantes nas visitas nocturnas ao camposanto.

 
Xa no século dezaseis enterrábanse aos defuntos no lugar do Santo Amaro, segundo se reflexa nun mapa da cidade da época. O cemiterio, na súa configuración actual, bendeciuse en 1819, seguindo os criterios hixienistas ordenados pola administración napoleónica.
 
Manuel Murguía, Antón Vilar Ponte, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enriquez son algúns dos persoeiros da cultura e das letras galegas que se poden atopar en Santo Amaro. O percorrido polo camposanto é un xeito de visitar a historia de Galicia.
 
O cemiterio de San Amaro forma parte dende o ano 2013 da Ruta de Cemiterios Europeos (European Cemeteries Route). Algo que supón o recoñecemento mundial da singularidade histórica e arquitectónica do camposanto máis antigo de Galicia. As visitas realízanse todos os sábados en horario rotatorio: un sábado ás 16.00 horas e o seguinte ás 20.30 horas. Aínda que as visitas nocturnas a San Amaro están cubertas ata outubro, quen desexe apuntarse para o próximo mes, pode facelo chamando aos teléfonos 981 923 093 /010 ou dirixirse á páxina web www.turismocoruna.com.

 

Sociedade