O melgacho

O melgacho
01 de Febreiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

As apariencias engañan. O melgacho non é bonito. É coma un pequeno tabeirón inofensivo pero na pota, cun bo rustrido, está exquisito.

O melgacho ven ser unha quenlla común, un escualo inofensivo co lombo cheo de manchas. Corre tamén por pintarroxa, patarroxa ou peixe gata. Non sempre gozou de boa prensa, mesmo é desprezado por Cornide no seu Ensayo de una historia de los peces onde escrebe o seguinte: “ Sérvese guisado e só entre as xentes de cortas facultades”. Pero este peixe tamén ten os seus defensores, como Eladio Rodríguez, quen afirma no seu diccionario que o melgacho, preparado en branco, é peixe delicado propio para convalecentes.

O xeito máis común de xantar o melgacho é en guiso mariñeiro. O peixe queda exquisito e con corpo entre patacas medio desfeitas e anacos de pemento. Para ben ser, aí vai a receita:

O peixe limpo da pel e da cabeza, e torado, déixase en adubo con sal, allo, pirixel, unto e loureiro durante tres horas. Nunha pota póñense a cocer as patacas cortadas en rodas gordas, cunha cebola e unhas pingas de aceite e sal. Mentres na tixola dóuranse unha cebola e un pemento verde en tiras. Cando a cebola está dourada bótase o peixe enriba para pasalo un pouco. Sacámolo e rebozámolo en fariña para despois rustrilo. Reservamos o peixe e na tixola engadimos un vaso de viño branco. Xa fora do lume para que non se queime, bótase unha culleradas de pementón doce. Ponse o peixe na pota sobre as patacas escorridas, bótase por riba a fritada e ponse ao lume uns minutos ata que ligue o guiso.

O rapsoda de Cervo, Paco Rivas, louba e cociña o marraxo no seu Cantaruxos do meu mar e outras cantigas:

“Cando chego do traballo,

para facer ub bo rustrido,

cebola e pemento a esgallallo,

para botar sobor ao guiso,

patacas e un bo melgacho,

na pota asomando o bico”.

Cultura

Publica o teu comentario agora