O mellor cine documental contemporáneo competirá en Play-Doc 2011

O mellor cine documental contemporáneo competirá en Play-Doc 2011

05 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Un total de once película competirán na VII edición do Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais que se celebrará en Tui entre o 30 de marzo e o 3 de abril. Os títulos, que foron elixidos entre máis de 800 documentais recibidos, amosan as últimas tendencias do xénero. Dividida en longametraxes e curtametraxes, a sección oficial pecharase cunha gala na que se entregarán 7.000 euros en premios.

Tres das propostas da sección de longametraxes fúndense entre os límites da ficción e o documental: The Arbor, de Clio Barnard; Todos Vós Sodes Capitáns, do director galego Oliver Laxe; e Miner's Day do realizador ruso Andrey Gryazev, gañador no Play-Doc do pasado ano por Sanya e Pardal. A sección complétase con documentais doutras tendencias como Songs From the Nickel, de Alina Skrzeszewska; e Cuchillo de Palo, da uruguaia Renate Costa.

Na sección de curtas terá presenza o cine experimental, con Coming Attractions, de Peter Tscherkassky; Manuscritos Pompeianos, do galego Marcos Nine; e Desert 79º: 3 Journeys Beyond the Known World, da holandesa Anna Abrahams. O documental danés The Naked of St. Petersburg, de Ada Bligard Søby, Irma de Charles Fairbanks, e a estrea europea de The D Train, de Jay Rosenblatt completan o apartado.

Á sección oficial engadiranse tamén as retrospectivas dos directores Lech Kowalski y Marcel Łozinski, que estarán presentes para compartir a súa maneira de entender o cine. Ademais, esta edición do Festival seguirá apoiando aos novos creadores  cos talleres “El retrato filmado” e “Docs en Progress”, e contará con actuacións musicais que acompañarán aos documentais de temática musical.

Sociedade