O monstruo do cinema, Orson Welles, achéganos unha película de fraudes

O monstruo do cinema, Orson Welles, achéganos unha película de fraudes

27 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Primeiro foron Billy Wilder, Fellini e Tim Burton e agora tócalle a quenda a outro monstruo do Cinema Orson Welles. Fraude (F for Fake), de Orson Welles será a longametraxe que se pase mañá mércores en versión orixinal subtitulada nos Cines Dúplex de Esteiro dentro do ciclo “Outono de cine”. Antes pasarase a curta galega “As farolas” de Abelardo Rendo Rial.

O argumento da obra de Abelardo Rendo xira arredor dun xornalista que presenta reportaxes de investigación, se despraza a un concello rural (Revosende) para investigar o fenómeno polo cal unha simple farola é quen de decidir na alcaldía. A súa hipotese é que o alumeado público é algo máis que un servizo público: a corrupción, o clientelismo e a cacicada están presentes de cheo.

Tras a curta “As farolas” pasarase ás oito e media F for Fake. Orson Welles, xa na última etapa da súa creación, realizou con F for Fake unha magnífica reflexión sobre un dos temas que máis insistentemente aparece ao longo de toda a súa filmografía: a dualidade entre o real e o ficticio na representación artística.

F for Fakeé unha historia sobre enganos. Os eixos narrativos principais son as historias de dous dos máis famosos falsificadores do século XX: o primeiro é Elmyr d'Hory, pintor americano de pouca monta que saltou escandalosamente á fama por ser o maior falsificador de obras de arte coñecido ata entón. D'Hory falsificaba cadros de Modigliani, Matisse ou Picasso, e reclamábao a xustiza de varios países. Wellws emprega tamén outro fraude, realizado polo biógrafo de d'Hory, Clifford Irving, acusado da publicación dunha autobiografía totalmente falsa sobre o multimillonario Howard Hughes.

A película que finalmente montou Welles, era un caótico collage que mesturaba fragmentos do material alleo cos filmados por él mesmo e tamén con anacos doutras obras.  O filme expón o retrato de dúas personalidades tan interesantes como enigmáticas, tal e como lle gustaba ao director experimentar no seu cine. Pero nel tamén se inclúe un autorretrato, e o dúo de protagonistas  amplíase e enriquece coa análise de Welles sobre o propio Welles.

A cita con Fraude F for Fake mañá mércores ás oito e media do serán nos Cines Dúplex de Esteiro. Antes pasarase a curta galega “As farolas”. A entrada é de balde.

Cultura