O Monte Marraxón convírtese en escenario do Día da árbore

O Monte Marraxón convírtese en escenario do Día da árbore

24 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Perto de 450 escolares participarán este venres na celebración do Día da Árbore organizada polo Concello de Fene. Os alumnos e alumnas chegarán ás dez da mañá ao Monte Marraxón, ao lugar de Reboredo, para prantar unha árbore cada un, e involucrarse así na protección da natureza.

A actividade xurde co obxectivo de recuperar o estado do monte comunal en Marraxón e a sua repoboación forestal. Ademais este plan supón un impulso recreativo e cultural para a comarca, segundo a concelleira de medio ambiente, Amalia García Balado. Os nenos e nenas concienciaranse no mantemento e cuidado da nosa contorna e para iso prantaranse piñeiros, castiñeiros e arces.

Ás dez da mañá comezará a celebración coa entrega das árbores aos rapaces e a súa prantación ao que lle seguirá unha merenda para renovar folgos. Tamén se está a pensar nunha actividade lúdica para disfrute dos pequenos que ás doce e media voltan aos colexios.Os escolares, de entre 4 a 12 anos, pertencen aos centros de Fene, A Xunqueira, Jorge Juan, O Ramo e o IES.

Acompañados dos seus profesores vivirán por unhas horas unha xornada de pleno contacto co medio ambiente. Despregaráse un amplo dispositivo para garantir a seguridade dos participantes. Ademais de 8 buses, para desprazarse, acudirá unha ambulancia, protección civil e a policía municipal.  

Sociedade