O Muíño do Rañego de Vilalba acollerá a homenaxe a Xavier Docampo o vindeiro sábado 24

O Muíño do Rañego de Vilalba acollerá a homenaxe a Xavier Docampo o vindeiro sábado 24

16 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Fundación Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos organizarán unha homenaxe ao escritor de Rábade Xavier P. Docampo para o sábado 24 de outubro. Baixo o título “Nun lugar dos soños”, o acto comprenderá a colocación da cuarta escultura do Hectómetro Literario no Paseo dos Soños en Vilalba. Posteriormente terá lugar unha mesa redonda e un xantar de confraternidade.

O evento dará comezo, contra as 12 da mañá no Muíño do Rañego da localidade vilalbesa, cun espazo para o intercambio e o debate nunha mesa redonda que analizará a figura e a obra deste contacontos, autor teatral e guionista chairego, e que contará coa presenza de persoeiros vinculados á cultura galega da talla de Fina Casalderrey, Xosé Cobas, María Xesús Fernández, Agustín Fernández Paz, Antía Otero, Mercedes Queixas e David Otero.

 

 

A continuación procederase á colocación da citada escultura, unha obra de Valdi, no Hectómetro Literario no Paseo dos Soños, antes de acudir ao restaurante Nova Ruta de Vilalba, onde terá lugar un xantar de confraternidade. O acto contará, ademais, coa actuación dos músicos Mini e Mero.

 

Para poder acudir ao xantar débese confirmar a presenza no teléfono 646 41 38 90, e pagar o prezo do mesmo, 15 euros,  na conta do Banco Pastor de Guitiriz: 0072-0223-66-0000100296.

Cultura