O mundo a través da poesía

O mundo a través da poesía
27 de Novembro, 2022 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Escribir poesía para interpretar o mundo. A violencia e a represión da guerra civil. O paraíso perdido da infancia no rural. Son temas na obra poética de Mariola Hermida, autora de “Onde nacen os pexegueiros” e Matilde Castro, que escribiu “Polos fíos da memoria”. Dúas mulleres que participaron esta semana no clube de leitura de Radio Fene Radiofusión.

ESCOITA O PODCAST:
Fotografía: Xan Xe

“Deime conta de que podía escribir algo cando tiña 50 e pico anos”, relata Matilde Castro. Foi nas Amas de Casa, “facía falta unha letra para a comparsa e dixeron que cada unha levara unha estrofa, as outras non levaron nada e eu levei unhas cantas. Despois xurdiu o obradoiro literario do Concello de Fene e pensei non vaia ser que eu aprenda escribir unha poesía e aí fun, estiven nove anos no obradoiro”. “Sempre me gustou ler, cando non había nin que ler, había na casa uns libros de santos e despois o que foi caendo nas miñas mans”. “Logo, cando empecei no obradoiro empecei ler literatura galega, antes xa sabemos que non se aprendía iso nas escolas, agora estou máis enterada”, explica a autora de “Polos fíos da memoria”, poemario inspirado nas traxedias dos tempos da represión franquista, “nas que me contou miña nai”.

 

Mariola Hermida “Onde nacen os pexegueiros”, poemas escritos na primavera, “Pasei unha época un pouco difícil, estiven de baixa, non podía camiñar e non tiña a cabeza para escribir, pero un dos meus fillos regaloume o libro ‘Pinta tu calma’, empecei  debuxar e a mente fóiseme calmando e así comecei escribir este poemario”. Autora de dous libros previos “Alrededor de uno mismo”  e “Zurcindo latexos”. Diferencias? “Penso que este é un libro un pouco máis maduro, un pouco máis traballado e con máis calma e serenidade. Aínda que hai tristura e dor no poema, foi un parto moi suave”. 

 

Na imaxe: Matilde Castro

Fotografía Xan Xe

Cultura

Publica o teu comentario agora