O Museo do Humor é unha marabilla

O Museo do Humor é unha marabilla
07 de Maio, 2021 - 01:13 h. | Publicada por Radio Fene

"O Museo do Humor é unha marabilla" afirma María Luísa Grandío, coñecida artisticamente como Novais. A pintora amosa a súa obra en Fene ao longo do mes de maio. A mostra, titulada “Bailando entre pinceis”, pode visitarse até o día 28 na Casa da Cultura de Fene. 

ESCOITA O PODCAST:
María Luisa Grandío "Novais" en Fene

Novais agradece o recibimento do alcalde e do concelleiro de Cultura de Fene. A exposición inclúe pezas realizadas ao óleo, acrílicos e tintas. Segundo Novais, “as obras que compoñen esta exposición representan unha alegoría do tempo, o nexo de expresións dos momentos vividos, das lembranzas e dos tempos de diferentes épocas e emocións”. Son pinturas marcadas por unha “explosión de vida e de cor”. Nelas combínanse “as visións das viaxes, a través de diferentes formas e modelos, coa vida cotiá -onde moitas veces se atopa a inspiración-, pero tamén coa imaxinación creativa ou a visión da miña realidade a través dos soños”. “Pinceis de cores e trazos en negro que reforzan a figura dentro do cadro e a temática da obra”. Porque, para Novais, “a cor plasma a ilusión e a ledicia das gañas de vivir”. Novais naceu en Ponte do Porto en Camariñas pero na actualidade vive en Oleiros. Ela sempre di que naceu en cor. Nesta exposición “as obras bailan cos pinceis, simbólica expresión de distintos movementos, coma os das teclas dun piano, e das cores”. Porque, afirma Novais, “entre a música e os pinceis xorde o movemento das miñas obras”. 

Horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.

Cultura

Publica o teu comentario agora