O naufraxio do San Francisco

O naufraxio do San Francisco
07 de Agosto, 2020 - 01:54 h. | Publicada por Radio Fene

Os faluchos foron embarcacións moi empregadas na Ría de Ferrol durante o século XIX. Utilizáronse moito en localidades como Mugardos. Estas embarcacións podían levar ata unha vintena de homes. Tiñan uns 11 metros de eslora e empregaban unha vela latina. Había que ter especial coidado co seu manexo nos nosos mares para evitar envorcar.

Fernando Patricio en Radio Fene

Foron moitos os afundimentos que sufriron este tipo de embarcacións. O primeiro do que se ten testemuña documental data de 1830, pero sen dúbida, unha das meirandes traxedias foi a do San Francisco.

O San Francisco zarpa xunto con outros dez faluchos para recoller os aparellos que tiñan calados para a captura de pescada. Dos once barcos que zarpan, tan só volven oito. Sábese que dous deles avariáronse polo camiño pero non hai novas do San Francisco.

Máis tarde é divisado quilla arriba con seis tripulantes pedindo axuda. Debido ao forte temporal, o resto das embarcacións non poden auxiliar aos homes que piden axuda. O 25 de xaneiro de 1884 afunde o falucho San Francisco e morren dezanove homes preto da praia de Canelas, onde actualmente se sitúa o porto exterior de Ferrol.

Fernando Patricio encargouse de recoller esta historia no número 2 da revista Albela de Apelón Educación.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora