O Noneto checo trae a música de Brahms a Ferrol

O Noneto checo trae a música de Brahms a Ferrol

05 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A música clásica regresa este xoves ao Teatro Jofre da man do prestixioso “Noneto Checo”. A formación procedente de Praga interpretará en Ferrol obras do compositor alemán Johannes Brahms e dos autores bohemios Josef Myslivecek, Jiri Druzecky e Bedrich Smetana. Así o anunciaba esta mañá a concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, quen sinalou que o concerto, que conta coa colaboración da Sociedade Filarmónica Ferrolá

De igual xeito, a edil avanzou que as entradas xa están dispoñibles na taquilla do teatro e en Internet, a través da páxina web href="http://www.ferrol.es/jofre". O prezo alcanza os 10, 8 e 3 euros segundo a localización das butacas que se desexen reservar. A agrupación ofrecerá na primeira parte do recital un programa que consta das seguintes pezas: “Divertimento en Fa Maior”, de Myslivecek (1737-1781); “Variacións e Final”, de Druzecky (1745-1819), e Tres Danzas checas”, de Smetana (1824-1884). Así mesmo, na segunda parte do recital deleitará ao público ferrolán coa “Serenata nº 1 en Re Maior, Op 11”, de Brahms (1833-1897).

 

Josef Mylieveck, nacido en Praga e afincado en Italia en 1763, era en 1771 membro da Academia Filarmónica de Bolonia, onde viviu das súas actividades musicais. Ao remate da súa vida tiña compostas máis de trinta óperas, sinfonías e música de cámara, sendo ademais un dos creadores do quinteto de corda. Incluso foi amigo de Mozart, ao que influíu, en menor grao que Bach e Haydn. De feito, a súa música establece a ponte entre a de Vivaldi e a do propio Mozart. Así mesmo, Druzecky estudou oboe en Dresde, e foi tambor dun rexemento de infantería. Así, escribiu música para a banda, máis de vinte sinfonías e concertos, música de cámara e algunas óperas. Mentres, Smetana foi o primeiro compositor checo que escribiu música de carácter especificamente checo, aínda que non se trata de danzas folclóricas, senón que pertencen ao grupo de Danzas checas nº 2, compostas en 1879 para piano. Johannes Brahms está considerado un dos pianistas compositores máis famosos do Romanticismo. Un autor que combina o mellor dos estilos clásico e romántico. De feito, Brahms rexeitou o uso superfluo de novos efectos armónicos e cromatismos. E desa maneira, a diferenza doutros autores, só os utilizaba para resaltar os matices estruturais internos da obra. Incluso a calidade da súa obra fixo que os seus contemporáneos o considerasen como “o sucesor de Beethoven”.O Noneto Checo, foi fundado en 1924 por alumnos do Conservatorio de Praga. Dende entón, importantes compositores como Martinú, Prokofiev ou Lutoslawski compuxeron máis de 300 obras para a agrupación bohemia. Doutra banda, cómpre destacar que realiza regularmente concertos en salas de Alemaña, Suíza, Austria, Italia, Francia, Gran Bretaña e os Estados Unidos. Incluso durante os últimos cinco anos gravou máis de 10 CD para Harmonia Mundi France, con obras de Mozart, Schubert, Roussel, Dvorák e o citado Martinú.

 

Actualmente o Noneto está integrado por Martin Kos (violín), Jan Nykryn (viola), Simona Hecova (violonchelo), Radovan Hec (contrabaixo),  Jiri Skuhra (frauta), Vladislav Borovka (oboe), Ales Hustoles (clarinete), Vladimira Klanska (trompa) e Pavel Langpaul (fagot). Todos eles gozan dunha ampla e recoñecida traxectoria musical tanto no seu país como a nivel internacional, destacando, por exemplo, que Jiri Skuhra é primeiro frautista da Orquestra da Ópera Estatal de Praga; Pavel Langpaul é o primeiro fagot da Orquestra da Ópera do Teatro Nacional de Praga, ou que Vladimira Klanska está considerada como a mellor intérprete de trompa da República Checa.

Sociedade