O Observatorio da Mariña condena os asasinatos de Cervo

O Observatorio da Mariña condena os asasinatos de Cervo

15 de Xaneiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O Observatorio da Mariña pola Igualdade condena os asasinatos machistas de Cervo e esixe máis medios para pórlle fin á violencia contra as mulleres. A asociación feminista convoca para as 20h do xoves 16 unha concentración, na Praza dos Campos de San Cibrao, á que seguirá a lectura dun manifesto. Desde o Observatorio reivindican que a loita contra os feminicidios que acontecen na nosa contorna sexa un asunto prioritario tanto no gobernos locais e

O Observatorio da Mariña pola Igualdade manifesta a súa condena aos asasinatos de dúas mulleres que tiveron lugar onte en Cervo, froito da violencia machista que afecta á nosa sociedade. Desde a asociación feminista convócase a todas as mariñás e mariñáns a unha concentración o xoves 16 na Praza dos Campos (antiga Plazoleta) de San Cibrao, que comezará ás oito da tarde e concluirá coa lectura dun manifesto. Amais de enviarlle todo o seu apoio á familia e amizadas das dúas mulleres, o Observatorio fará un chamamento á sociedade da Mariña para que se posicione frontalmente en contra de todas as manifestacións da discriminación machista, das cales os feminicidios (ou asasinatos de mulleres) constitúen o exemplo máis extremo.

“O feito de que esta traxedia sacuda agora a nosa comarca é terríbel, pero non debe facernos esquecer que a violencia machista é desgraciadamente un fenómeno global, e que cada día se producen asasinatos de mulleres en todo o planeta, simplemente polo feito de seren mulleres. A repulsa e condena debe estenderse a escala planetaria”, afirma Luísa González, presidenta do colectivo feminista e experta en políticas de xénero. Canto ás causas destes asasinatos, González sostén que só pode explicarse como consecuencia última dunha discriminación de xénero “que hai que poder atallar moito antes de que teña desenlaces fatais”.

Neste sentido, desde o Observatorio pola Igualdade esixen máis medios para loitar contra esta lacra social: “Nos últimos anos estamos vendo como se recortan os  recursos persoais e materiais para loitar contra a discriminación en xeral, e contra a violencia machista en particular. Redúcense as contías nos orzamentos, elimínanse as prestacións económicas para que as vítimas de violencia poidan refacer a súa vida, cada vez dótanse de menos medios materiais e humanos as casas de acollida ou centros de información ás mulleres, diminúense os medios para a formación en materia de xénero por parte de profesionais nos ámbitos xurídicos, sanitario, forzas e corpos das seguridade do estado e educativo”, explica González. O colectivo mariñao lembra que a solución contra a violencia machista está na educación, e mais concretamente fomentando valores coeducativos e de educación en igualdade.

Sociedade