O país de Miro Casabella

O país de Miro Casabella

30 de Xuño, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O meu país é verde e neboento, ... Comeza dese xeito unha das cancións de Miro Casabella, cantautor galego, integrante de Voces Ceibes, un feixe de músicos que nos anos sesenta e setenta reivindicaron a lingua e a terra. A nova canción galega abreu as portas e as fiestras para toda a xeración da transición.

Unha homenaxe a Miro Casabella celebraráse o vindeiro sábado 5 de xullo no Valadouro. Comezará xa pola mañá, coa colocación dunha peza cerámica na casa natal do homenaxeado, amenizada polo grupo de música tradicional Amado Lar, e na que coparecerán representantes do Concello e da Vicepresidencia da Deputación, seguida dun xantar popular no parque da localidade, no que invervirán varios persoeiros da cultura e das letras, como Vicente Araguas, Lois Diéguez, Manuel Lourenzo, Arturo Mogo ou David Otero. A área de Cultura da Deputación de Lugo agasallará aos participantes co libro-CD “Miro Casabella e a nova canción galega”, de Xan Fraga.

O acto continuará pola tarde cun concerto baixo o lema "Por ceibar a voz" na Praza de Ferreira, no que actuarán artistas da talla de A Quenlla, Arcadio, Bieito Romero, de Luar na Lubre, David Bellas, García e Leo, Quintas Canella, Tino Baz, e Pilocha.

Sociedade