O padel é un deporte moi social

O polígono Vilar do Colo de Fene-Cabanas acolle o club Smats Padel4
20 de Outubro, 2020 - 10:53 h. | Publicada por Radio Fene

No padel, todo o mundo pode xogar con todo o mundo, nenos con adultos, homes con mulleres. Só nos torneos se dividen por categorías. O xogo é fácil e de rápida apredizaxe.

ESCOITA O PODCAST:

Achegámonos hoxe a un deporte relativamente recente que practica moita máis xente da que pensamos, o padel. Hai quen pensa que se trata dun deporte elitista, pero nada máis lonxe da realidade. Na comarca de Ferrol hai dous lugares referentes para practicalo, ambos os dous ubicados en polígonos industriais, en Narón e as instalacións de Vilar do Colo, inauguradas hai seis anos, en decembro de 2014 por Alex Permuy. Explicanos o seu propietario que Smash Padel4, domiciliado na rúa Lema s/n nave 1 no polígono Fene-Cabanas, é o único club de toda a zona. Smash Padel4 abría con catro pistas e hoxe ten seis porque houbo moita demanda. A iso hai que engadir un servizo de cafetería e os correspondentes vestiarios.

“O padel é un deporte moi social. Pódese practicar como un deporte amateur ou federarse pero á xente gústalle competir” afirma Permuy, para indicarnos que existen distintas competicións nas que participar, como a Liga Galega de padel, tamén a nivel nacional, sen necesidade de federarse ou os torneos zonais para amateurs de todas as idades. Se preguntamos polos beneficios deste deporte, non hai límites. Nas partidas participan catro xogadores ou xogadoras que só poden experimentar sensacións positivas porque é bo para a saúde en xeral, elimina o estrés e non se precisan unhas condicións físicas especiais para practicalo. Ademais é un deporte de execución fácil, mellorase con moita rapidez e sirve para todas as idades. A isto súmase a parte social porque coñeces xente nova e se establecen novas relacións de amistade.

A alerta sanitaria condenou ao peche do club durante dous meses e medio pero, desde que reabriron as portas a finais de maio, pouco a pouco recuperaron a nova normalidade. “Estamos contentos, afirma Permuy, porque nos recuperamos mellor do esperado”. Axuda que o padel é un deporte de baixo risco de contaxio porque cada pista ten 200 metros cadrados e cada parella móvese en 100 metros, por iso case sempre se mantén a distancia de seguridade e os xogadores poden evitar o contacto. “Nós extremamos a limpeza e desinfección, limitamos o aforo nos vestiarios e procuramos ventilar con frecuencia as instalacións". A recuperación dos deportistas vaise equilibrando entre os máis remisos pola Covid19 e os que se achegan rebotados doutros deportes que aínda non puideron reanudarse. O club Smats Padel4 abre as súas portas de 9 da mañá a 12 da noite, na rúa Lema, s/n nave 1.

Deportes

Publica o teu comentario agora