O papel das avóas

O papel das avóas
18 de Setembro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Sofía Espiñeira acaba de ser elixida finalista para os premios da música Martín Códax na categoría de canción de autor. A cantautora participou no espazo inaugural do programa Onda ODS celebrado o pasado xoves no castelo de Santa Cruz en Oleiros. Explicou a súa visión dalgúns dos contidos da Axenda 2030 como a igualdade de xénero, na que recoñeceu o papel das avoas e nais da xeración actual, pero destacou que aínda hai moito por facer no feminismo.

Sofía Espiñeira

En Onda ODS, o alcalde de Paderne César Longo subliñou o traballo desenvolvido na Reserva da Biosfera Mariñas  Coruñesas e Terras do Mandeo, da que dixo que é atípica porque foi promovida desde as asociacións e os 17 concellos que a compoñen, ao contrario do que adoita suceder con este tipo de organismos, creados desde o Estado ou as autonomías. O ecoturismo é un dos seus principais eixos de actuación e este mesmo ano conseguiron que sexa o Pazo de Mariñán a sede na que se celebre o VI Congreso Nacional de Ecoturismo, coa participación de máis de 200 persoas. 
María López explicou como se organiza Ràdio Televisió Cardedeu, unha iniciativa que conta con máis de 50 voluntarios que son un exemplo de traballo en rede e que teñen creado unha empatía entre as distintas zonas de Cataluña. Este modelo demostra, dixo, que se poderá funcionar deste xeito tamén a nivel estatal. A directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, comentou a importancia de levar os obxectivos ODS ao ámbito local, unha idea na que esta institución ten avanzado moito e que este ano se centrará na saúde e o benestar, con iniciativas relacionadas co deporte e a alimentación e o lanzamento dun reto contra o cancro. Pola súa banda, Laura Vidal debullou como funciona o Consello Climático de Oleiros e a falou da importancia destes organismos para que a mocidade participe na loita contra o cambio climático coas súas propias ideas e propostas. Paco Crespo aportou a visión desde EMA, que agrupa a 88 emisoras de radio e 20 televisións locais de Andalucía, coa perspectiva de que o proxecto Onda ODS é fundamental para conseguir un mundo mellor e que os medios falen do que realmente interesa á xente. O concelleiro de Foz Carlos García insistiu na mesma idea de que é importante que os ODS se acheguen ao local e de aí que nese concello -cuxa emisora municipal cumprirá en 2023 25 anos- se teña deseñado unha Axenda 2030 adaptada ao  propio municipio. A finalidade é ter datos locais sobre o cumprimento deses obxectivos contemplados na axenda e deseñar a partir de aí un plan estratéxico co concurso da cidadanía, a comunidade universitaria e as entidades supramunicipais.
Isabel Lema invitou, pola súa parte, a ser valentes e loitar por ter medios de expresión libres e lembrou que os medios comunitarios -de cuxa rede forma parte- levan 40 anos traballando na defensa da xustiza social, o medio ambiente ou a igualdade. Pilar Moreno fixo referencia ao labor feito en Valencia netes campo nos últimos tempos e anunciou a próxima creación da primeira radio mancomunada para lugares despoboados da comunidade. Para rematar o programa, Carlos Vales explicou o traballo no CEIDA, no que é fundamental a formación en diferentes temáticas ambientais. O centro é referencia non só a nivel nacional senón internacional, coa súa área de cooperación, que tenta promover actuacións conxuntas con países lusófonos. O director do CEIDA invitou a reflexionar sobre o feito de que os modos de produción e consumo actuais son insostibles e lembrou que os recursos do planeta son finitos.

O proxecto Onda ODS está promovido polas Emisoras Municipais Galegas (EMUGA-Radiofusión), as Emisoras Municipais de Andalucía (EMA), Rádio Televisió Cardedeu (La Xarxa) e a Rede Estatal de Medios Comunitarios, co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Orientado á difusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable coa participación de máis de 300 medios locais de todo o Estado, comezou o xoves 15 de setembro cun primeiro programa radiofónico de dúas horas de duración emitido en directo desde o castelo de Santa Cruz en Oleiros no que Susana Falcón, de Radiofusión, e Pablo García, de Radio a Estrada, entrevistaron a catorce convidados e convidadas relacionados dalgún xeito con estes obxectivos. Entre o público estaban alumnos e alumnas do CEIP Juana de Vega e IES María Casares.

Cultura

Publica o teu comentario agora