ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
O Parlamento de Galicia debaterá o vindeiro martes a toma en consideración da Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola comisión Rumbo 21 que pretende a reactivación do estaleiro de Fene. A mesa da Cámara adoptou finalmente esa decisión, despois de que nun primeiro momento desbotara a inclusión deste asunto na orde do dia da última sesión plenaria do ano.
Os ex alcaldes de Fene Xose María Rivera Arnoso e de Narón Antón Martinez Aneiros acudirán como convidados ao Pleno do Parlamento Galego do vindeiro martes no que se debaterá a Iniciativa Lexislativa Popular en favor da reactivación da antiga Astano. A proposta demanda que se levante o veto para que Navantia Fene se poida adicar á construcción naval civil. A comisión promotora da iniciativa Rumbo 21 espera que os tres grupos políticos, PP, PSOE e BNG voten a favor da toma en consideración da proposta.
O Pleno da cámara autónoma comezará ás dez da mañá e a Iniciativa figura como punto terceiro da orde do dia, polo que se calcula que se debaterá arredor das doce ou doce e media do mediodia. En nome de Rumbo 21, defenderá a proposición Jesús Varela Rivas nunha intervención de 15 minutos. Logo os voceiros dos tres grupos parlamentares fixarán a súa posición, antes dun turno de réplica do propoñente. Logo votaráse a toma en consideración da iniciativa. No caso de resultar favorable, a ILP seguirá o seu trámite parlamentario, coa apertura do prazo de enmendas e debate en comisión. Volverá logo a pleno para a súa aprobación definitiva. Unha vez que o Parlamento de Galicia aprobe a iniciativa, daráselle traslado ao Goberno de España quen terá que presentar a proposta en Bruxelas para renegociar os acordos. Sempre que o Goberno central o pida formalmente, a Unión Europea amósase disposta a renegociar os acordos, segundo manifestou xa en decembro do 2008 o Director Xeral de Reindustrialización á comisión Rumbo 21.
A iniciativa lexislativa popular foi admitida a trámite pola Mesa do Parlamento no pasado mes de abril. Dende aquela concedeuselle un prazo á comisión promotora para reunir ao menos 15.000 asinaturas. Cumpreuse ese requisito e agora o Parlamento de Galicia debaterá de novo o vindeiro martes o propósito de levantar o veto para a construcción naval civil que pesa sobre a antiga Astano, actualmente Navantia Fene. Segundo Rumbo 21, o contexto internacional de crise xustifica que se adopten medidas excepcionais como as que se plantexan. A cuota de construcción naval civil para Navantia está limitada ao 20% da facturación total do grupo público de estaleiros, no que se encadran as factorías galegas de Ferrol e Fene.