ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
O paro diminuíu no mes de decembro, como sucedeu nos dous anos anteriores, pero con moita menor intensidade, ata deixar en 165.308 o número de persoas desempregadas. Remata 2019 co desemprego practicamente estancado: tan só 351 persoas menos que en novembro (un 0,21 % menos). Como adoita ser tendencia, o desemprego compórtase peor en Galicia que no conxunto do Estado, onde a redución é do 1,08 %.
Entre os homes, o paro masculino segue aumentando, este mes en 1635 homes, mentres que nas mulleres se reduce o número de inscritas en 1986. A pesar das diverxentes evolucións, o 60 % das persoas desempregadas son mulleres, consolidando a fenda de xénero no emprego. Atendendo ás idades, en decembro redúcese o paro en 744 persoas entre as menores de 25 anos e medra en 393 entre as maiores desa idade.
Por segundo mes consecutivo, o desemprego medra entre os homes de máis idade. Isto avanza que a ralentización do emprego comeza a traducirse en axuste de emprego estrutural. Por sectores, o desemprego sobe na agricultura (231 desempregadas máis), na industria (231) e na construción (1014), mentres baixa nos servizos (1545) e no colectivo de sen emprego anterior (645).
No mes de novembro cobraron algún tipo de prestación 91.735 persoas. Delas, 42.595 perciben unha prestación contributiva e o resto (9140) subsidios. Isto é, en Galicia hai 60.200 persoas demandantes de emprego, con experiencia laboral, que non reciben ningunha prestación.
Canto á Seguridade Social, a afiliación baixou en 3332 persoas cotizantes respecto ao mes anterior, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1.020.258. A afiliación baixa constantemente desde o mes de agosto, ata chegarmos a decembro con case 17.000 persoas afiliadas menos. En decembro rexistráronse en Galicia 77.790 contratos, dos que 72.122 foron temporais. Noutras palabras, só sete de cada cen contratos realizados foron indefinidos. A contratación indefinida diminúe un 13,96 % no último mes, mentres que a temporal medra nun 3,59 %, o triplo que a media estatal. O paro interanual reduciuse nun 2,36 % respecto ao ano anterior, pero non reduce sensiblemente o volume de persoas desempregadas, que se sitúa en 165.308 persoas ao remate de 2019.
Datos «moi preocupantes»
Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, estes datos son «moi preocupantes». A importante caída da afiliación á Seguridade Social, o estancamento no desemprego e a intensa precarización e estacionalidade do emprego creado «agoiran un 2020 difícil» para o emprego en Galicia. A isto cómpre sumar a «grave crise que afecta os nosos sectores produtivos», alerta a sindicalista.
En opinión de CCOO, «cómpre tomar medidas para evitar que a desaceleración troque en recesión». Asemade, a secretaria de Emprego coida «urxente» que se inicie a lexislatura no Estado e se acade a maioría parlamentaria suficiente para reverter os aspectos máis lesivos da reforma laboral e abordar os cambios estruturais que necesitan a economía e a sociedade española. Bouza tamén urxe o Goberno galego a utilizar as súas competencias nos ámbitos da política industrial e do emprego para acompañar as medidas que se acorden no ámbito estatal.
Publica o teu comentario agora