O paro en Galicia sobe en 3.209 persoas en setembro

O paro en Galicia sobe en 3.209 persoas en setembro

02 de Outubro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O paro subiu en Galicia en 3.209 persoas no mes de setembro. Así, a nosa comunidade representa unha oitava parte do incremento do desemprego no conxunto do Estado, onde as listas dos servizos públicos de emprego aumentaron en 25.572 inscritos. En todo o Estado hai 4.724.355 parados segundo os datos publicados esta mañá polo Ministerio de Traballo.

Ese incremento remata cunha xeira de seis meses de pequenos descensos do paro e certifica que co final da tempada de verán e de rebaixas, volve subir o paro. Claro que se pode ver a botella medio baleira ou medio chea, que é como o prefire facer o Goberno, destacando que, en calquera caso, falamos do mellor comportamento do desemprego nun mes de setembro dende o ano 2007. Se queremos retornar ao pesimismo, ou ao realismo, que preferiría dicir algún, cómpre destacar que segue a caer en picado a afiliación á Seguridade Social, con 22.000 afiliados menos.

Volvendo a Galicia, a cifra total de parados é de 260.733 desempregados, e se a variación mensual é importante, de 3.200 máis, tamén cómpre salientar que hoxe hai 1.360 parados máis que os rexistrados en setembro de 2012, hai un ano.

Sociedade