O patrimonio naútico tradicional como motor de desenvolvemento

O patrimonio naútico tradicional como motor de desenvolvemento

16 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participa xunto con outras entidades galegas como a Deputación da Coruña, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), a Federación Galega pola Cultura Marítima ou o Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, no proxecto europeo “Dorna” que ten por obxectivo fundamental a conservación e recuperación do patrimonio n&

Para a execución desta iniciativa, que se enmarca no programa comunitario transnacional Espacio Atlántico 2007-2013, cóntase cun orzamento total de algo máis de 1,9 millóns de euros.

Pesca, como institución socia deste proxecto comunitario, será a encargada de organizar e coordinar o seminario final de difusión do proxecto e dos seus resultados,  que ten previsto desenvolverse en Galicia a finais do vindeiro ano 2010. Esta acción inclúese como parte da actividade dirixida á promoción e difusión transnacional desta iniciativa e do programa Espacio Atlántico. Así mesmo, o departamento que dirixe Carmen Gallego colaborará en todas as actividades e traballos que se pretenden desenvolver no marco deste estudo. Para a execución do proxecto, a Consellería de Pesca xestionará un orzamento de 191.000 euros.

Así, entre as actividades que se desenvolverán atópase, ademais da mencionada sobre a promoción e difusión do proxecto, as dirixidas á creación dunha base de datos do patrimonio náutico do espazo atlántico. Coa súa posta en marcha búscase  realizar unha catalogación sistemática de embarcacións, técnicas de construción e navegación tradicional, identificando o patrimonio náutico do atlántico europeo para facilitar a pervivencia e a valoración do oficio e dos modelos náuticos. Do mesmo xeito, os socios do proxecto traballarán na elaboración dun plan de mellora de infraestruturas de estaleiros tradicionais, co fin de que estes poidan ser recuperados e garantir a súa conservación e posta en valor.

Ademais, o proxecto ten previsto incidir especialmente no que ten que ver coa competitividade e o desenvolvemento empresarial destes estaleiros, facendo especial fincapé en aspectos como a comercialización e a formación. Preténdese sobre todo favorecer a supervivencia destes establecementos tradicionais a través das canles de comercialización e internacionalización das pequenas e medianas empresas (Pemes). Neste apartado, os socios do proxecto queren definir e desenvolver unha marca transnacional que identifique os produtos destes estaleiros e que se denominará BATE (Barco Atlántico Tradicional Europeo), co fin de darlle un maior valor engadido ás embarcacións construídas polos profesionais desta industria tradicional.

Outras das actividades que contempla o proxecto “Dorna” son, por exemplo, as relacionadas coa innovación e a diversificación. En concreto, e con respecto á primeira cuestión, os participantes nesta iniciativa desenvolverán espazos de innovación na carpintería naval tradicional, co fin de que se poidan introducir criterios de investigación e innovación tamén neste sector produtivo. No tocante ao segundo punto, traballarán na diversificación das economías locais como factor de desenvolvemento, convertendo o patrimonio náutico das rexións atlánticas nun produto turístico de calidade e integrado, común a todos os países participantes, para favorecer as economías locais a partires dun recurso endóxeno, é dicir, que eles mesmos xeran.

Finalmente, contémplase a execución de accións de coordinación e seguimento, coa finalidade de asegurar a adecuada dirección e organización do proxecto e das súas actividades. Deste xeito, garantirase o apoio nos procesos de xestión e avaliación do mesmo e do grao de cumprimento dos seus obxectivos e indicadores. Xustamente o pasado venres, a sede da Deputación Provincial da Coruña acolleu o acto de constitución e a primeira reunión do comité de seguimento do proxecto “Dorna”.

Nacemento do proxecto
O proxecto “Dorna”, que se enmarca no programa transnacional Espacio Atlántico 2007-2013, nace para dar cumprimento á prioridade catro de promoción de sinerxias de desenvolvemento sustentable rural e urbano e, en concreto, ao obxectivo tres de conservación e promoción da herdanza do espazo atlántico de interese transnacional do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER).

Para o establecemento dos seus obxectivos, “Dorna” baseouse nas recomendacións establecidas no “Libro Verde: Hacia una futura política marítima de la Unión: perspectiva europea de los océanos y los mares COM (2006)”. Polo tanto, parte dun enfoque integral sobre as diferentes problemáticas que presenta a conservación e a posta en valor do patrimonio náutico atlántico. Así, céntrase no desenvolvemento das rexións atlánticas implicadas no proxecto dende a perspectiva de sustentabilidade económica e diversidade cultural, a través do impulso e a diversificación da carpintería naval tradicional.

Sociedade