O Pazo do Piñeiro como excusa

O Pazo do Piñeiro como excusa

24 de Febreiro, 2017 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os sucesos do Pazo do Piñeiro serviron como excusa da represión de sindicatos e partidos de esquerda a partir de 1936 en Ares, Mugardos, Cabanas e Fene. Pero en realidade, o terror xa fora planificado con antelación polos golpistas, segundo se revela nas instrucións reservadas que o xeneral Mola envia ás unidades militares desde abril daquel ano.

O sábado 18 de xullo de 1936 coñécese a noticia da sublevación do Exército de África contra o goberno da República elixido en febreiro dese mesmo ano. O gobernador civil da provincia comunica aos alcaldes de Fene, Mugardos e Ares, como aos restantes da demarcación, que o movemento golpista está controlado. Ordena establecer grupos de cidadáns en defensa da República que requisen radios e armas. Indica que a Garda Civil e os carabineiros deben acompañar a eses comités. Igualmente salientase que se debe deter aos cidadáns que sexan sospeitosos de apoiar aos rebeldes.
Os tres alcaldes cumpren as ordes e apenas se producen incidentes.

O pazo do Piñeiro situado no lugar de Barracido era residencia de José Otero García, membro do Tribunal Económico Administrativo da Coruña, pai de varios fillas e fillos, entre eles Martin e Antonio Otero de Castro-Figueroa, denunciados por agresións na primeira quincena de xullo ao berro d eViva el fascio.

O luns dia vinte pola tarde chegan ao Pazo do Piñeiro unha patrulla de defensa da República de Ares e outra de Mugardos. Segundo indica Bernardo Máiz no libro “Amada García e os seus arredores”, “ian na procura de armas, estás foronlle negadas afortalandose no edificio pacego os residentes armados con escopetas, carabinas e pistolas. Reclamados reforzos, avanzando a noite chegaron ao Pazo varias camionetas levando soldados, civís e carabineiros de Mugardos e Ares. Dese xeito comezou o cerco, alumeada a pate dianteira do pazo cun potente foco situado sobre a porta principal.

Antonio Otero de Castro-Figueroa declara logo en 1937 que él mesmo por orde do seu pai, “disparó sobre un individuo que no pudo percibir bien debido a la oscuridad de la noche, peor el cual estaba fumando y le servia bien de blanco, diciendole despues que habia herido a uno de los carabineros. Segundo o propio Antonio Otero, ese seu disparo foi o detonante do tiroteo contra a fachada do Pazo.
Varias testemuñas coinciden en sinalar que Manuel Landeira e Gumersindo Otero caeron polos disparos duns milicianos cando saían fuxindo pola porta traseira do pazo. Faleceu no acto Gumersindo e aos poucos minutos o crego Manuel Landeira.

Despois se produce a entrada no Pazo e segundo un informe da Garda Civil, o “único substraido foran comestibles, tabaco, un diccionario e varias armas”. O tenente de alcalde de Mugardos Ramón Rios Sordo indicou aos carabineiros que impediran o saqueo do Pazo e que rexistrasen a casa sen facer dano algún.

Sociedade