O Plan Ferrol necesita da implicación de todos os colectivos, segundo Julio Abelleira

O Plan Ferrol necesita da implicación de todos os colectivos, segundo Julio Abelleira

01 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O retraso no tren ao porto exterior preocupa a Asociación Impulsora do Plan Ferrol. Hai 710 millóns de euros de subvencións concedidas, pero os prazos non se están a cumprir. O secretario da asociación, Julio Abelleira, reclamou esta mañá unha maior coordenación entre as administracións para promover a reindustrialización.

A Asociación Impulsora do Plan Ferrol era coñecedora da dificultade de executar un proxecto como éste. Pero detectaron unha falta de coordenación nas iniciativas e escasa de utilización das posibilidades ofertadas. En palabras de Abelleira ”este plan faise de forma conxunta ou non se fai. Cada un polo seu lado, é imposible”. O retraso no ferrocarril a Caneliñas conlevará consecuencias negativas para o porto e á economia de Ferrol.

Tras unha xuntanza co Conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, para reclamar a implicación da Xunta de Galicia, éste comprometeuse a dar unha resposta na primeira quincena de febreiro que non chegou. Á espera dunha resposta anuncian mobilizacións se non obteñen algún resultado. O 25 de marzo ás sete da tarde celebrarán unha reunión coas entidades integradas no Plan, para definir as medidas e contidos a adoptar. Neste senso, Abelleira tamén demandou a colaboración da universidade no desenvolvemento deste plan. O sindicalista denunciou o considerable retraso na construcción do ferrocarril ao porto exterior. A Asociación do Plan Ferrol avoga por un naval público polo que non participarán na mobilización de finais de marzo convocada pola plataforma cidadá.

Sociedade