O podcast como recurso educativo

O podcast como recurso educativo
22 de Novembro, 2025 - 09:25 h. | Publicada por Radiofusión

A importancia do podcast como recurso educativo en todos os niveis quedou constatada na mesa redonda organizada no marco do I Festival de Podcast organizado polas Emisoras Municipais Galegas  (Emuga) coa colaboración da Deputación da Coruña. Bernardo Penabade, promotor do Proxecto Neo (Radio Burela-Radio Foz); María Isabel González Camoira, asesora do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ferrol; Santiago Veloso, impulsor de Ponte… nas Ondas! -un modelo educativo destinado a salvagardar o patrimonio cultural inmaterial de Galicia e o norte de Portugal-; e Eugenia Conde Noguerol, profesora de Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña, aportaron cadansúa visión da relevancia do podcast e do audio en xeral para a aprendizaxe, tanto nas diferentes etapas educativas como para a integración e a creación de comunidade.

Bernardo Penabade explicou a xénese do Proxecto Neo, que naceu en Radio Burela
precisamente para dar un espazo aos neofalantes do galego. A multitude de nacionalidades
que conviven nesta localidade lucense convertiu esta iniciativa nun diálogo entre culturas que
se produce desde hai 15 anos -dixo Penabade- tanto na mesa de redacción como coas persoas
que participan nos programas. En antena hoxe en Radio Foz, o Proxecto Neo “é unha ponte de
comunicación entre o interior da escola e a comunidade”, subliñou o seu promotor, que
compartiu co público de mesa redonda unha gravación dunha das cabeceiras do programa na
que participaban persoas procedentes de Indonesia, Senegal, Brasil ou Cabo Verde, coas súas
diferentes fonéticas, tal e como enfatizou Penabade. Tamén destacou que aínda que o
programa é sempre en directo pódese escoitar en calquera momento a través da radio á carta
e chegar así moito máis lonxe.
María Isabel González percorreu a historia da relación entre os centros educativos da área do
CFR de Ferrol -son un total de 94 os que reciben soporte formativo a través desta entidade- e a
radio desde que entre o 2017 e o 2018 se introduxo nos colexios e institutos da zona esta
ferramenta como recurso educativo. Aqueles primeiros cursos de formación do profesorado
puxeron xa de manifesto que este medio permite facer o traballo co alumnado máis ameno e
motivador, e desde esas experiencias pioneiras a dinámica de traballo foi avanzando tan
rápido que a día de hoxe todos os centros educativos teñen as ferramentas para facer as súas
propias emisións e en todos eles hai profesorado formado nesta materia. Nestes momentos 21
colexios e institutos públicos do ámbito do CFR Ferrol fan radio escolar. Isabel González
destacou tamén as cinco liñas de traballo nas que o podcast é importante como recurso
educativo: a dixital, a didáctica, a de concienciación e inclusión, a de comunicación e
plurilingüismo e a de innovación e investigación.
Pola súa banda, Santiago Veloso falou da súa experiencia desde que nos anos 80 comezou a
traballar coa radio nos colexios de Primaria, unha iniciativa revolucionaria na época, entre
outras cousas porque daba voz ao alumnado. O seu proxecto Ponte…nas Ondas! celebrou no
2025 o seu 30º aniversario e hoxe é o modelo dunha rede de escolas creadas pola Xunta que
relaciona educación, patrimonio, comunicación e novas tecnoloxías. O proxecto Ponte… nas
Ondas integra agora os podcast para a posta en valor do patrimonio inmaterial, e o concurso
orixinal -que partía dunha foto en branco e negro do álbum familiar cun texto- permite a día
de hoxe utilizar o podcast, de maneira que se poden recoller as voces das persoas que

protagonizan esas fotografías. Desde 2017 funciona o portal Escolas nas Ondas, no que os
centros educativos suben ás redes as súas creacións de podcast e vídeos escolares.
Para rematar a mesa redonda interveu a profesora da Universidade da Coruña Eugenia Conde,
que compartiu coas persoas asistentes o proxecto de aprendizaxe-servizo que puxo en práctica
co seu alumnado de Filoloxía Hispánica. Así, elixiu o formato de podcast para desenvolver unha
iniciativa de aprendizaxe fóra da aula vinculada a un proxecto de axuda á comunidade que
neste caso concreto tivo como destinatarias aos usuarios e usuarias do centro de día de
maiores Saraiba, da Coruña. Noventa dos 110 estudantes matriculados no primeiro curso da
carreira ofrecéronse voluntarios para participar neste proxecto, que consistía en recoller
conversas sobre temas como a morte, a soidade, a infancia ou a Guerra Civil. A timidez ou
desconfianza iniciais vencéronse de camiño e esta experiencia interxeneracional resultou tan
interesante que moitas das persoas participantes confesaron que había cousas que falaban por
primeira vez e o propio centro pediu que se mantivera o proxecto nos seguintes anos. “O
interesante non era o produto final senón o proceso”, destacou Conde, que fixo fincapé no
traballo de escoita activa e respecto que supuxo.
A mesa redonda sobre o podcast como recurso educativo foi unha das moitas actividades do
programa de hoxe, no que tamén se celebraron outras mesas redondas sobre os medios de
comunicación dixitais, o audio e o video, e os podcast do futuro. A xornada completouse con
obradoiros e intervencións de destacados podcasters e o festival continuará esta mañá no mesmo
escenario -a asociación cultural O Pote de Maniños en Fene.

 

Fotografia Xan Xe

Cultura

Publica o teu comentario agora