O PP obten a alcaldía de Moeche contra a lista máis votada do BNG

O PP obten a alcaldía de Moeche contra a lista máis votada do BNG

11 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Partido Popular obtivo a alcaldía no municipio de Moeche (A Coruña), co apoio na sesión de investidura do partido Progresistas por Moeche, do ex alcalde 'popular' Julilo Cribeiro, e a pesar de que a lista máis votada nas pasadas eleccións municipais fora a do BNG.

Así, o alcalde de Moeche será de novo Julio López, o candidato do PP, a pesar de que este partido foi o que menos votos obtivo dos tres que teñen representación. Nas eleccións, produciuse un triplo empate a concelleiros, tres para o BNG como a lista máis votada, tres para Progresistas por Moeche e tres para o PP.

De momento, o Goberno local quedará encabezado polo Partido Popular, a pesar de que ata este venres supúñase que a alcaldía sería para Felipe Ferreira, do BNG, por estar á fronte do partido máis votado.

O recentemente investido alcalde, Julio López, accedera ao cargo en maio de 2008. Substituíu nese momento ao seu compañeiro de partido, Julio Cribeiro, que presentara a súa dimisión presionado pola moción de censura que chegaron a formular os seus propios compañeiros do PP xunto cun edil do PSOE, ante supostas irregularidades na xestión local.

Cabanas e Ares

Tamén o PP farase cargo da Alcaldía de Cabanas (A Coruña), na persoa de Germán Castrillón, ao sumar seis votos dos 11 que conforman a corporación local.

Na próxima localidade de Ares, o socialista Julio Iglesias revalida o seu cargo tras sumar os seis votos dos concelleiros do seu partido. Pola súa banda, os catro edís do PP votaron ao candidato da súa formación, o que tamén fixo o representante do partido independente NAL, votándose a si mesmo. Os dous concelleiros do BNG abstivéronse.

Sociedade