O PP reclama a rehabilitación do viaduto Madrid e o goberno culpa do seu deterioro á Xunta de Fraga

O PP reclama a rehabilitación do viaduto Madrid e o goberno culpa do seu deterioro á Xunta de Fraga

30 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O bipartito acusou ao PP de presentar mocións extemporáneas, xa que “solicitan que e faga un arranxo cando a obra está xa en marcha”. O edil do BNG Carlos Pazos, recriminaba aos populares “andar a remolque e non ter nada que dicir en política municipal”, mentres que dende o partido socialista aproveitaban a súa intervención para responsabilizar do rápido deterioro sufrido pola infraestructura ferroviaria “ás obras realizadas hai 10 anos pola Consellería de cultura” departamento que hai unha década dirixía o popular, Pérez Varela “a quen habería que pedirlle contas por deixar a obra a medio facer”.

Este foi o tema máis intenso dun pleno que arrancaba coa toma de posesión do novo concelleiro socialistas José García Miguez. Veciño de Reboreda de 59 anos de idade, o edil chega á corporación en substitución de Isabel Castro Piedras, a que fora concelleira de xuventude e que abandonara o cargo semanas atrás por motivos laborais.

García Miguez, quen xa formara parte da corporación en mandatos anteriores, asumirá nun principio “á espera dunha posible remodelación do goberno” as áreas que levaba a súa antecesora, é dicir, a Concellería de Xuventude e o Obradoiro de Emprego de Pousadouro.

O edil mostrou a súa satisfacción por retomar responsabilidades no goberno local pero lembrou que a súa actividade veciñal foi continua nos últimos anos colaborando en diferentes asociacións da parroquia de Reboreda.

Un pleno de trámite no que se aprobou ademais unha modificación do proxecto Marisma, que permitirá que as obras incluídas no plan estean rematadas a finais do vindeiro ano. Un ambicioso proxecto no que se inclúen a recuperación ambiental na desembocadura dos Ríos Alvedosa, Pexegueiro e Maceiras, a reforma do pavillón de deportes e a construcción dunha pasarela peonil de madeira que comunicará a zona da depuradora na Avenida Mendiño con Punta Socorro na Portela. Unha actuación esta última que supón o principal investimento de todo o Proxecto dotado con tres millóns de euros.

Institucional