O PP reclama un Plan Integral de tráfico para Redondela

O PP reclama un Plan Integral de tráfico para Redondela

04 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Os populares acusan ao goberno local de “improvisar” con medidas como a zona azul. A entrada en vigor da zona de aparcamento limitada a 90 minutos no Campo da Feira conta con detractores e defensores. O delegado de tráfico Eduardo Reguera, promotor da medida, valora moi positivamente o seu resultado xa que segundo afirma “dende o seu inicio o pasado luns estase a ver unha maior rotación de vehículos nesa zona de estacionamento”.

Unha opinión ben diferente é a que expresan dende o PP. Asegura o concelleiro popular Alberto Pazos que “se trata dunha medida illada que non serve para solucionar un problema de maior envergadura e que afecta a todo o municipio”. Por este motivo reclama da concellería correspondente a elaboración dun estudo no que se analicen as necesidades e demandas dos veciños no referente ao número de prazas de estacionamento. Pazos non desbota por exemplo, que se necesite a construcción dun segundo parking soterrado, a creación de estacionamento limitado nas aforas do centro e insiste na necesidade de analizar a situación do tráfico en Chapela, o segundo centro urbano da vila no que “o problema do aparcamento non se está a contemplar polo goberno local”.

 

A medio camiño posiciónase a asociación de empresarios quen valora positivamente a zona azul pero ve a medida insuficiente para atallar un problema que afecta a todos os condutores como é a falta de aparcamento.     

Sociedade