O premio “Narf” nas puntas dos dedos.

O premio “Narf” nas puntas dos dedos.
18 de Outubro, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O sábado 19 de outubro coñecerase o grupo gañador dos Premios Fran Pérez “Narf” que organiza a Deputación da Coruña, unha das candidaturas é a de Carabela, un grupo emerxente que é, sen ningunha dúbida, unha historia de éxito.

ESCOITA O PODCAST:

Carabela nace da amizade das noiesas Alba Vázquez e Ana Moas que se coñeceran no Conservatorio e que empezaron a facer cancións xuntas. A unión con Pablo Agra foi o aglutinante preciso para que a semente deste proxecto musical xermolara. O seu enfoque musical está enraizado no pop, na electrónica e a música tradicional, pero non hai temor a innovar. 

A faceta discográfica da banda de Noia iniciouse no 2023 co EP ‘Nó’, un traballo froito do tempo de pandemia na que, contrariamente ao que aconteceu con outras iniciativas, Carabela naceu como a primeira experiencia musical dos seus compoñentes. 

‘Nó’ levounos directamente a converterse en finalista nos Premios Martín Códax da Música Galega na categoría de Electrónica, isto é chegar e encher. 

En 2024, tras a súa primeira travesía con ‘Nó’, Carabela emprende co EP ‘A noite’ a busca de novos horizontes para cruzar e ensanchar os límites da música galega.  Con este novo EP e coa incorporación dun novo compoñente, o baixista Pablo Pazos, Carabela seguen colleitando éxitos ao ser unha das tres candidaturas aos premios Fran Pérez Narf de música da Deputación da Coruña.

Carabela navega coas velas despregadas neste océano musical que Galiza nos ofrece, e levan o timón desta nave con firmeza e delicadeza garantida.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora