O primeiro discurshow da historia, “Matarratos Darwin”, estréase no Domus

O primeiro discurshow da historia, “Matarratos Darwin”, estréase no Domus

02 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O científico e divulgador Xurxo Mariño na compaña do actor Vicente de Souza dan forma ao “discurshow”, un novo xeito de transmitir coñementos relacionados coa vida cotiá, é dicir, coa ciencia, dun xeito atractivo e divertido, mais sen abandonar o rigor. O primeiro destes discursos leva por nome “Matarratos Darwin” e trátase dunha pequena visita &aacute

Todos temos algunha idea de quen foi Darwin, algúns mesmo saben en que consisten os seus traballos e teorías –desenvolvidas logo de dar a volta ao mundo utilizando para as etapas máis longas un barco chamado Beagle–, pero moi pouca xente coñece os motivos reais desa viaxe, as anécdotas que xurdiron e as aventuras e desventuras que viviu o mozo Darwin entre 1831 e 1836. Na súa xénese non era unha viaxe de investigación científica, senón que había un motivo moito máis estraño. Tivo isto que ver co suicido de dous dos capitáns do Beagle?

A imaxe idílica dun naturalista paseando pola selva e arrepañando plantas e bolboretas ten pouco que ver coa realidade á que se enfrontaba un científico inexperto no medio da Pampa arxentina ou entre os habitantes indíxenas de Terra do Fogo. Nos seus longos roteiros –case sempre a cabalo– Charles Darwin recollía –mellor dito, mataba, a tiros ou a marteladas– todo tipo de animais: armadillos, guanacos, cóndores, raposas, tartarugas, ratas e ratos. Moitos deles tamén os comeu.

Ademais, sufriu enfermidades, temporais, terremotos, escalou montañas e pasou frío, medo e, tamén, momentos de felicidade extrema ao contemplar o planeta Terra cunha mirada aberta, intelixente e chea de curiosidade.

Todo isto é o que nos contan Vicente de Souza e Xurxo Mariño en “Matarratos Darwin”, o seu primeiro discurshow. Un proxecto que naceu do interese de ambos por atopar xeitos eficaces para transmitir o coñecemento científico ao público en xeral. Trátase do primeiro invento da factoría “peripeciencia”.

Este proxecto súmase a outros no que participan como os cafés-teatro-científicos, organizados polo Grupo NEUROcom da Universidade da Coruña.

Cultura