O primeiro trimestre deixa un 51,84% menos de monte queimado que en anos coas mesmas condicións atmosféricas

O primeiro trimestre deixa un 51,84% menos de monte queimado que en anos coas mesmas condicións atmosféricas

17 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A superficie afectada polos incendios forestais en Galicia durante o primeiro trimestre deste ano reduciuse nun 51,84% con respecto ao mesmo período dos exercicios 97, 98, 2000 e 2005, nos que se rexistraron índices semellantes de escaseza de precipitacións.

No balance provisional realizado pola Consellaría do Medio Rural, sinálase que, ata o pasado 31 de marzo, víronse afectadas polo lume un total de 5.673 hectáreas, o 80% delas de monte raso, e máis da metade localizadas na provincia de Ourense. Mentres tanto, a media rexistrada nos últimos catro exercicios que tiveron os meses de febreiro e marzo máis secos, como tamén foi o caso de 2009, situouse nas 11.779 hectáreas, o que supón máis do dobre de afectación.

Así pois, a Consellaría elaborou este balance provisional da superficie ardida nos tres primeiros meses do ano, tomando como referencia os últimos anos con pluviometría similar. Neste sentido, nos exercicios 1997, 1998, 2000 e 2005 rexistrouse unha media de 99 litros por metro cadrado de precipitacións nos meses de febreiro e marzo, sendo moi semellante neste 2009, con apenas dous litros máis, 101, aínda que o pasado mes de marzo foi un 30% máis seco que a media deste mes nos catro anos anteriores.

Este balance tamén reflicte que a maior parte dos incendios rexistrados neste período concentráronse nas zonas limítrofes con Portugal, algúns mesmo tiveron alí a súa orixe, e coas provincias de León e Zamora.

En opinión dos responsables de Medio Rural, “neste período do ano, no que historicamente se producen repuntes de lumes cando hai seca, por circunstancias moi diversas e que afectan especialmente a monte baixo, o importante é establecer comparativas que teñan utilidade para poder extraer conclusións sobre o funcionamento do dispositivo”. “É por isto polo que non serve calquera comparativa, senón que hai que facela en base a anos con niveis de pluviometría similar, dado que as oscilacións na superficie ardida varían enormemente en función da climatoloxía, pois cando se producen as precipitacións habituais nestes meses apenas arde e cando chove pouco prodúcense repuntes”, indican.

Sociedade