O proxecto Ikigai, xornalismo colaborativo

O proxecto Ikigai, xornalismo colaborativo
26 de Xullo, 2022 - 09:45 h. | Publicada por Radio Negreira
Centro de atención diurna de saúde mental. Pontevedra

 A guía foi realizada coa coordinación dos profesores José Casás, Xosé López e Ana Isabel Rodríguez Vázquez e conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Grupo de Investigación ESCULCA, da Facultade de Ciencias da Educación. Proxecto Ikigai continúa o labor iniciado coa Guía de linguaxe inclusiva, a guía do Proxecto Xermolo e a guía do Proxecto Decode, redactadas polos alumnados de anos anteriores.

 

O documento consta de seis apartados diferenciados. Comeza por un panorama da actual situación na sociedade respecto da saúde mental e o concepto xaponés Ikigai, que se refire ao benestar ligado a un propósito vital. No segundo dos epígrafes, "Xornalismo e saúde mental", analízanse a responsabilidade que ten a profesión no tratamento de informacións relativas á saúde mental.  Xa en “Referencias e entidades ás que recorrer" ofrécese unha listaxe de fontes expertas, entidades e organismos institucionais aos que acudir á hora de facer coberturas sobre cuestións de saúde mental. A continuación, "Lexislación sobre saúde mental" fai un repaso de toda a lexislación existente na actualidade.

 

“Guía de boas prácticas” é o apartado máis extenso. Nel podemos atopar un decálogo con recomendacións para abordar o tratamento de informacións sobre saúde mental e unha aproximación á cuestión do suicidio, tema de especial preocupación, nos medios de comunicación.  O epígrafe conclúe profundando nos principais problemas de saúde mental na propia profesión xornalística.

O Proxecto Ikigai é unha iniciativa multiplataforma que se pode consultar en diversos formatos. Así, ademáis da publicación da guía en pdf poden consultarse os seus contidos na web proxectoikigai.wordpress.com, así como en Instagram.

 

Tanto o Proxecto Ikigai como os seus predecesores toman como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da facultade de Ciencias da Comunicación prematuramente falecido. Estas iniciativas forman parte dun conxunto de proxectos en homenaxe ao xornalista, que inclúen tamén a Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ou a denominación da aula que leva o seu nome na Facultade de Ciencias da Comunicación.

Sociedade

Publica o teu comentario agora