ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Topamos coa Igrexa, pensa o PSdeG, que vén de solicitar unha entrevista coa curia galega. Os socialistas desbotan a decisión do Bispado de Ourense de declarar a incompatibilidade do ministerio pastoral co exercicio da vida pública no caso do cura de Piñor que saíra elixido concelleiro polo municipio da Gudiña.
"Non logramos entender cales poden ser os motivos polos que un sacerdote, nun Estado de Dereito, non pode compatibilizar o seu labor de lexítima representación dos veciños coa tarefa de sacerdote". Así reza a queixa remitida polo secretario de Organización do PsdeG, Pablo García, ao bispo da diocese de Tui-Vigo, Luís Quinteiro Fiúza, quen se encarga tamén da sé vacante de Ourense, e á que tivo acceso a axencia Europa Press. O número dous da organización socialista acode así en defensa dos dereitos civís do párroco Antonio Fernández Blanco quen, integrando a lista dese partido, obtivera acta de edil no municipio de A Gudiña. Porén, tras confirmarse a investidura, a dirección eclesiástica suspendeuno das súas funcións sacerdotais até que acreditase a renuncia a o posto de concelleiro. Fernández Blanco acatou a sanción e rectificou, porén o Bispado aínda non o reincorporou á fronte das catro parroquias do concello de Piñor que administra. Os seus fregueses veñen de crear unha plataforma de protesta e anunciaron que non volverán a misa até que volva o párroco, un dos poucos que defenden da Teoloxía da Liberación na provincia ourensá. Na súa misiva ao bispo, Pablo García defende que o exercicio da política permitiríalle ao cura "buscar mellor calidade de vida e maior e mellor benestar das familias do municipio", polo que require unha explicación das causas do veto imposto ao membro da súa lista na Gudiña. Ademais, o Partido Socialista tamén denuncia un agravio comparativo respecto aos privilexios que as altas instancias da Igrexa concederon a outros sacerdotes da provincia de Ourense que fixeran campaña para o Partido Popular. No caso do cura Julio Rodríguez, permitíuselle ocupar unha concellería e mesmo o cargo de voceiro do PP en Castrelo do Val durante a década dos 90.