O PSdeG fixo balance dos catro anos de goberno nun acto ao que faltaron Ricardo Varela e Elba Veleiro

O PSdeG fixo balance dos catro anos de goberno nun acto ao que faltaron Ricardo Varela e Elba Veleiro

06 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A candidata número catro do PSdeG por Vilalba, Sonia Verdes, e o voceiro do partido no Parlamento de Galicia, Ismael Rego, protagonizaron, onte en Vilalba, un acto que contou coas ausencias de Ricardo Varela, que alegou unha indisposición, e de Elba Veleiro. No sal&

Sonia Verdes foi a elixida para comezar. A candidata vilalbesa repasou o camiño seguido polo seu partido durante os catro anos á fronte da Xunta de Galicia, comezando pola política “de igualdade territorial seguida polo PSOE, xa que neste tempo se conseguiu máis igualdade entre o mundo rural e o urbano”. Verdes continuou por rememorar a política de traballo levada a cabo por Ricardo Varela, que “xerou 1.300.000 persoas ocupadas”, e que foi “a máis alta da historia de Galicia”. Como referencia á crise, Verdes acusou “ás políticas neoconservadoras de arrastrarnos ata esta situación”, e salientou “o acerto” de Touriño para “anticiparse ao problema e desenrolar medidas innovadoras que reflicten que a prioridade do PSdeG é o emprego”.

A Educación foi outra das paradas no seu discurso, xa que prometeu que, de seguir no goberno, garantirán “a educación para os máis pequenos creando 10.000 novas prazas de garderías”. O controvertido tema da Sanidade Galega tamén formou parte da súa intervención ao afirmar que “o PSOE saldou a importante débeda de 400 millóns que deixou o PPdeG, ademais de reducir as listas de espera en menos de 50 días, a gratuidade dos anticonceptivos ou a garantía para a interrupción do embarazo”. En política agrogandeira asegurou que traballarán “para o seu avance, fomentando as concentracións parcelarias, a propiedade feminina no rural, as cooperativas e a creación dun grupo lácteo que poida competir con garantías".

Seguidamente, tomou a palabra a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, que supliu a Elba Veleiro, que non acudiu ao mitin. Polín, nunha breve alocución, cargou contra a política de inversións do PP, ao que acusou de “gastar cartos en proxectos de cartón pedra, proxectos que non valían e que despois había que arranxar porque estaban mal feitos”.

O acto pechouno o número tres das listas, Ismael Rego. O actual voceiro no Parlamento Galego fixo un balance positivo da política económica do PSdeG, xa que “tiñamos unha situación moi complicada, crecendo medio punto por debaixo de España, con mais paro e peor nivel de vida”. O cambio de política trouxo, segundo Rego, “desfacernos do gran lastre do modelo de Fraga e investir nun modelo produtivo e laboral non precario e que ofreceu mellores rendementos”.

A converxencia entre os diferentes territorios galegos foi outra das cuestións que Rego puxo enriba da mesa. “Gracias ao Plan de Desenvolvemento e Equilibrio Rural a Galicia urbana deixou de primar sobre a rural, o que facilitou reducir as diferenzas e poder traballar todos xuntos pola mellora da nosa Terra”, estimou Ismael Rego.

O Pacto Local, polo que se regularon as relacións entre as diferentes institucións locais, o equilibrio no gasto sanitario e as relacións co Estado Central foron outros dos temas tocados polo voceiro socialista onte en Vilalba.

Sociedade