O PSOE de Begonte defende a súa xestión do temporal fronte as demandas do PP de declarar o Concello como Zona Catastrófica

O PSOE de Begonte defende a súa xestión do temporal fronte as demandas do PP de declarar o Concello como Zona Catastrófica

13 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Portavoz do PSOE de Begonte, Serafín Otero, contestou á demanda do PP á Xunta de Galicia para declarar ao Concello de Begonte como Zona Catastrófica polo temporal das pasadas semanas, afirmando que esta declaración non existe legalmente desde o 2005 e, polo tanto, non se pode solicitar.

Ademais, o actual tenente de alcalde da vila chairega defendeu a actuación do goberno municipal durante os días do temporal, xa que “se tomaron as medidas oportunas desde o primeiro momento”. Otero estableceu que xa o propio venres “se activou a brigada encargada de reparar todos os danos provocados polos fortes ventos tales como as caídas de árbores ou desprendementos de ramas”. O representante begontino afirmou que o sábado, o día despois, "se fixo un percorrido por todo o concello para facer a correspondente avaliación de danos para proceder á súa pronta reparación e en todo momento mantívose contacto con Barras Eléctricas para activar a luz nas zonas onde existiron problemas”.

O portavoz socialista si admitiu as serias dificultades que plantexou o temporal, posto que “non se concentrou nunha soa zona, senón que foi xeneralizado polo que a escaseza de medios é comprensible”. Otero alabou a actuación tanto da Xunta de Galicia como da Deputación de Lugo que “en todo momento responderon ás demandas que se fixeron dende os concellos”.

Por estas razóns, o voceiro do PSOE cualificou de “incomprensible o exercicio de irresponsabilidade” do PP de Begonte que “en vez de poñerse á disposición do goberno municipal para solventar os problemas do temporal, o único que fixo foi aproveitar o momento para difamar e criticar a actuación do goberno facendo unha irresponsable demagoxia con claros intereses electorais”.

Sociedade