O PSOE de Lugo defende a política de inversións do Bipartito e o Goberno Central na Terra Chá

O PSOE de Lugo defende a política de inversións do Bipartito e o Goberno Central na Terra Chá

06 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Lugo, encabezada por Luis Edrosa, Sonia Verdes e Juan José Díaz Valiño, saíu ao paso das críticas que o PPdeG fixo da inversión do anterior goberno bipartito e do Executivo español na Terra Chá para denunciar “as mentiras do PPdeG”, xa que, segundo afirmaron onte nunha rolda de prensa no seu local en Vilalba, “o retroceso que sufriu a comarca da Terra Chá foi despois do primeiro ano de de

O secretario de Organización, Luís Edrosa, afirmou que os datos falaban “por si mesmos e por moito que o PP queira disfrazar as cifras ao final a verdade sae a luz”. Segundo Edrosa non se pode falar “dun ano triunfal no primeiro de goberno de Feijóo”. Para o seu partido estes doce meses estarían marcados polo “desgoberno, as mentiras e a propaganda”.

Como contrapunto ás acusacións populares de falta de investimento na bisbarra, o mandatario socialista puxo enriba da mesa os proxectos feitos na Terra Chá baixo o bipartito ou a Deputación Provincial de Lugo. “Nunca nos tempos de mandato dos populares na Xunta, nin na Deputación, se propuxo un Parque de Bombeiros, nunca se puxo en marcha a estrada Moncelos-Abadín, e nin sequera o concello de Vilalba, gobernado polo PP, foi quen, daquela, nin agora co Partido Popular na Xunta, de poñer os terreos a disposición da Xunta para facer un xulgado de instrución. Polo tanto fume é o que trae consigo o PP”, dixo Edrosa, que tamén lembrou que o Estado leva investidos na Terra Chá 27 millóns de euros.

Por outra banda, o secretario de Política Municipal da Executiva, Juan josé Díaz Valiño ironizou cando estableceu que “os populares viñeron á Terra Chá a redimir os seus pecados”. Para o actual edil de Castro de Rei,  co PPdeG na Xunta “está todo en branco, non hai investimentos que non quedaran planificados polo goberno de Touriño, do que falan son migallas. Falan dunha Terra Chá envellecida, onde ata que chegou Besteiro, un socialista, á Deputación, Cacharro e Fraga tiveron a comarca abandonada e reprimida”.

Valiño denunciou a “desaparición” da Xunta “nun momento de crise aguda”. O propio responsable municipal indicou que “os concellos da provincia investimos máis en obras que o propio goberno galego. De maneira extraordinaria o Estado leva investidos máis de 17 millóns de euros e a Deputación provincial máis de 12 millóns de euros no Centro de Recría, en Castro de Rei, e co Plan de Obra Pública con 5 millóns de euros”. Díaz Valiño tamén mencionou os máis de 4 millóns de euros da recadación do IVA adiantados aos concellos da Terra Chá.

O alcalde chairego tamén quixo desmentir determinadas obras “que se atribúe o PP”, como “é o polígono Pacios-Baamonde, que hai que lembrarlles (polo PP) que xa quedara presupostado pola anterior Xunta e que da estrada AG-64 Vilalba-Cabreiros, feita, ao completo, tamén na lexislatura de Touriño, tan só viñeron aquí a cortar unha cinta de inauguración”. O socialista tamén falou da estrada Outeiro de Rei-Castro Ribeiras de Lea e as obras da praza e do concello de Outeiro de Rei, o centro de día e a casa do concello de Abadín, e o parque de bombeiros.

Entre as obras paradas mencionou a parálise do proxecto da auga, cun investimento de 1.700.000 de euros, en Castro de Rei; a auga de San Andrés de Ferreirós, o saneamento Baído, a traída en Arcos, Río Xan e Milleirós, todos eles no concello de Pol; a traída da auga de Marzul, e o centro de día do concello de A Pastoriza, para o que os terreos foron postos a disposición da Xunta polo concello. Así mesmo, falou da paralización da estrada Moncelos-Abadín.

Pola súa parte, a vicesecretaria da Executiva, Sonia Verdes, opinou sobre os “recortes e desmantelamentos, é dicir, dunha austeridade unicamente para os cidadáns, para os chairegos, para os vilalbeses, aos que o Goberno de Feijoo deixa sos fronte a crise”.

Ademais, fixo referencia á “fallida política en materia de emprego, do que ten o 100 % das competencias en materia de emprego”. Para Verdes, “Feijoo conseguiu que  Galicia lidere a destrución de emprego, posto que na provincia de Lugo temos 2.735 desempregados máis, 7 persoas perderon o seu traballo cada día, na nosa provincia, e 1.421 traballadores sufriron ERES, como os que afectaron a FINSA, Sykes, INGEMARGA ou  Pascual, todos cunha gran repercusión negativa na nosa comarca”.

En materia de educación, a actual parlamentaria socialista considerou que “a 54 de cada 100 estudantes na provincia de Lugo se lles negaba o dereito a gratuidade dos libros de texto”. En Vilalba, segundo Verdes, “o 47% das familias viron suprimido este dereito acadado polo anterior goberno, 290 pais tiveron que pagar os libros de texto e ademais ver como se pechan comedores escolares en belesar e xermade”, dixo.

No tocante aos investimentos, Sonia Verdes asegurou que “o PP non está facendo ningún na actualidade na comarca. O único compromiso do goberno de Feijóo son 60.000 euros para 2 campos de céspede artificial en Vilalba e Cospeito, cun custe total de 300.000 euros”.

A responsable socialista insistiu en que “non hai ningunha inversión nova”, xa que “despois de paralizar todos os investimentos previstos polo anterior goberno non puxeron nin un só euro para a construción dos novos xulgados, nin para a nova gardería, nin para o centro de día de Rábade, ademais de levar a cabo recortes na dotación para o parque empresarial de Baamonde, con 2 millóns de euros menos para o parque empresarial de Meira”, explicou.

A parlamentaria contrapuxo estes dato cos do seu partido, que investiría na chaira  “máis de 800.000 euros na nova potabilizadora de Vilalba, a ampliación do paseo da Madalena, as melloras no colexio Insúa Bermúdez, a eliminación de puntos negros na LU-541 Vilalba-Rábade, no parque comarcal de bombeiros ou na ITV”. Así tamén falou das obras impulsadas polo Goberno do Estado, o pulo á Transcantábrica, con case 24 millóns para o tramo Touzas-Abadín, máis de 3 millóns de euros, froito de 2 convenios entre o MARM e a consellería de Medio Rural, onde o Ministerio de Medio Ambiente inviste 25 millóns de euros, para actuar en camiños na zona rural e na mellora de accesos a explotacións agrícolas da Terra Chá; e o importante investimento, na comarca, froito do Plan E do goberno de Zapatero.

Por último, a chairega, que é a voceira socialista de Medio Rural no Parlamento, subliñou que, “nunha comarca onde a actividade agraria constitúe o motor económico dos concellos da comarca, a Terra Chá vive ante a inanición da consellería de Medio Rural, que levou ao peche de máis de 1.000 explotacións, que deixou que o prezo do leite acadara mínimos históricos, que non cubre os custes de produción, tendo que remontarnos ata aos prezos máis baixos dos gobernos de Fraga, cando se perderon 60.000 explotacións”, recordou.

Sociedade