O punto limpo

O punto limpo
30 de Xuño, 2020 - 11:10 h. | Publicada por Radio Fene

O punto limpo de Vilar do Colo poñerase en marcha este ano. Fene recibe 30.000 euros do GALP (Grupo de acción local do sector pesqueiro) para retomar  o proxecto Fene. Mar Vivo Plus.

ESCOITA O PODCAST:

A corporación de Fene celebra o primeiro pleno ordinario presencial desde o pasado mes de marzo. De momento non contará coa presencia de público. Está convocado o xoves ás seis da tarde para, por fin, aprobar o convenio de colaboración do punto limpo de Vilar do Colo que dará servizo aos concellos de Fene, Ares, Mugardos e Cabanas. Cun retraso de sete ou oito anos, finalmente o punto limpo porase en marcha este ano. “Unha vez aprobado polos plenos dos catro concellos, celebrarase unha reunión dos alcaldes (neste mes de xullo) para darlle o espaldarazo definitivo e pasar xa á licitación da súa xestión”, segundo declarou o alcalde de Fene.  Juventino Trigo aclarou que aínda que algún destes concellos xa o tiña aprobado en pleno, debe volver a ratificalo porque hai cambios, como o abandono de Neda e outras concrecións administrativas que antes non estaban. O pleno do xoves 2 de xullo completarase cunha modificación de crédito e o debate de tres mocións que presenta o PSOE sobre os parques eólicos, as residencias de maiores e o Día do Orgullo celebrado o 28 de xuño.

Camiñada polo Camiño Inglés

Fene participará este sábado día 4 de xullo nunha andaina para visibilizar e devolver a normalidade ao camiño inglés a Compostela. Tras un acto oficial no concello de Oroso ás 9.30h, ás 10h arrancarán en cada concello por onde pasa este camiño, unhas pequenas andainas. A de Fene sairá a esa hora da casa do concello en dirección a Vilar do Colo, gardando as medidas de seguridade decretadas pola Covid19. Juventino Trigo anunciou tamén que Fene retoma o programa “ Fene. Mar Vivo Plus” cunha achega de 30.000€. “Será un proxecto reformado e adaptado á nova realidade”. Ten o visto e prace da Consellería e o GALP e centrarase nun contido máis virtual e con menos actividades presenciais.

Institucional

Publica o teu comentario agora