O rural está de moda

O rural está de moda
18 de Agosto, 2020 - 12:18 h. | Publicada por Radio Fene

O rural está de moda. A experiencia do confinamento puxo en valor as posibilidades dunha vivenda unifamiliar e unha horta de autoconsumo. Enxeñeiros agrónomos calculan que unha pequena explotación agrícola pode aforrar á familia arredor de seis mil euros ao ano. Esa tendencia percibiuse en Magalofes onde recibiron moita xente de zona urbana interesandose pola existencia de vivendas en venda. Desde o remate do estado de alarma, xa se venderon duas casas nesta parroquia de Fene.

ESCOITA O PODCAST:
Manuel Pico, presidente da Asociación Veciñal de Magalofes

Un tunel de viños galegos organiza a Asociación Veciñal de Magalofes para este venres. Hai 25 prazas e xa están todas cubertas. Baixo o lema “Fagamos parroquia” promoven unhas “noites de verán” todos os venres de agosto. Xa houbo degustación de liscos e queixos. Esta semana haberá o tunel de viños e para a semana tomates de horta.

A actividade deste venres vai ser un tunel onde a xente vai ir entrando por un lado, probando os viños e saindo por outra porta, segundo o presidente da Asociación Veciñal de Magalofes Manuel Pico. Para a semana degustaranse once variedades de tomates, cultivados todos en Magalofes. Negro de Santiago, de Crimea, tres tipos de cherrys, Aboa de Osebe e Raf, entre outras especialidades.

Venda de vivendas

A raiz do confinamento, moita xente se achegou a Magalofes interesandose pola existencia de vivendas á venda. Foron os efectos da posta en valor da forma de vida rural, con domicilio unifamiliar e con horta de autoconsumo. Vendéronse nestes meses duas casas en Magalofes. A parroquia necesita xente que viva alí.

As actividades en Magalofes desenvolvense con todas as medidas de distanciamento. É obrigatorio o uso de máscara e evitar o achegamento entre grupos de diferentes familias. A próxima actividade, tunel de viños, este venres, pero xa están todas as prazas cubertas.

Sociedade

Publica o teu comentario agora