O sabor do mar

O sabor do mar
28 de Abril, 2021 - 12:31 h. | Publicada por Radio Fene

Fene, o sabor do mar. Ese foi o lema da campaña conxunta levada a cabo desde o pasado nadal polo Concello de Fene, a confraría de pescadores de Barallobre e o GALP Golfo Ártabro, dentro do proxecto Fene mar vivo. Sorteáronse 40 ceas, que aínda se poderán degustar ata o final do verán. Con esas actividades intentouse suplir a Festa Mariñeira que non se puido celebrar pola pandemia de coronavirus.

ESCOITA O PODCAST:
Antonia Fernández, Ana Basoa e Jorge López

"O sector pesqueiro ten falta de relevo xeracional e a escaseza de determinadas especies, pero hai que promocionar a actividade e poñer en valor os produtos da ría de Ferrol que sempre tiveron unha calidade excelente" indica a xerente do GALP Golfo Ártabro Antonia Fernández. A iniciativa tamén se dirixiu aos peregrinos que fixeron o Camiño Inglés ao seu paso por Fene. Entregóuselle un kit de bastón, mochila e gorro para que levaran moi lonxe o nome de Fene. A confraría, o Concello e o GALP Golfo Ártabro coincidiron no interese por facer chegar lonxe o sabor do mar da ría, apunta a concelleira de Promoción Económica de Fene Ana Basoa. A ría de Ferrol e unha das máis ricas de Galicia aínda que vive un dos seus peores momentos. Con iniciativas de promoción, intentase demostrar que aínda que non temos moita cantidade, son de gran calidade, segundo o patrón maior da confraría de Barallobre Jorge López. Tres vallas de grandes dimensións amosan algunhas das riquezas do Concello na volta do Cádavo, en Vilar do Colo e na ribeira de Barallobre. Poñer en valor a profesión das mariscadoras e divulgar o produto e a hostalería de Fene son os obxectivos desta iniciativa.

Institucional

Publica o teu comentario agora