O segredo dos libros

O segredo dos libros
12 de Novembro, 2022 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Lois Pérez homenaxea os libros e a lectura no seu libro “A gruta da torre”. Galardoada co V Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade, o autor presentou no clube de lectura de Radio Fene a novela ambientada no Ribadeo dos felices veráns da súa infancia.

ESCOITA O PODCAST:
Fotografía: Xan Xe

“Un libro garda un segredo” e a través del chégase ao misterioso pasadizo que comunica realidade e ficción. A cuadrilla de Lois, o Quique, a Greta, Quirina protagonizan esta historia de aventuras no Ribadeo dos anos 90. Tamén descobren o valor dos libros, a amizade, os primeiros namoramentos. Homenaxe a libros como “Viaxe a Samoa” ou “A illa do tesouro” nesta viaxe á infancia. Os libros da antiga biblioteca de Ribadeo, situada na planta baixa da Torre dos Moreno, da que hoxe “so se conserva o cartaz”, abren novas portas á vida. “Lembro trebellar na biblioteca entre os libros, pasabamos moito tempo alí cando chovía, que era moitos días na Mariña, así que pasabamos máis tempo alí que na praia”, recorda Lois Pérez. A literaria é unha das facetas artísticas de Lois Pérez, tamén poeta, narrador oral, home do espectáculo e mesmo deportista. Antigo xogador profesional de fútbol sala, aproveitaba o tempo que duraban as viaxes para xogar por toda España, co Prone de Lugo, para ler, tombado nos últimos asentos do autobús. “Foron anos de moita lectura, creo que me fixo moito ben, ía sempre atrás, deitado, lendo, horas e horas en viaxes a Barcelona, Cádiz, Valencia…”

 

Fotografía Xan Xe

 

Cultura

Publica o teu comentario agora