O SLG anuncia unha tractorada para o 28 de maio

O SLG anuncia unha tractorada para o 28 de maio

29 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Carme Freire Cruces, anunciou as mobilizacións do sector agrogandeiro no mes de maio, que pasarán por unha tractorada en Galicia o 28 de maio e unha xornada de concentracións en tódalas cabeceiras das comarcas leiteiras o vindeiro venres 8 de maio.

As tres organizacións agrarias, Xóvenes Agricultores (X.X.A.A.), Unións Agrarias (U.U.A.A.) e o SLG, chegaron ao acordo de elaborar este calendario de accións de protesta debido á carencia de resposta por parte do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM), a pesar de manter unha reunión coa Secretaria Xeral de Medio Rural, Alicia Villauriz, durante a manifestación do pasado xoves 16 de abril en Madrid.

 

Coa xornada do 8 de maio búscase visualizar “que o sector lácteo é a espiña dorsal do rural galego, e que a situación extrema pola que pasa arestora afecta a tódolos ámbitos profesionais e de calidade de vida do medio rural do pais”. Outro dos seus obxectivos é o de “amosar a unidade da cidadanía galega, nomeadamente do medio rural, perante da grave problemática que asolaga ao sector leiteiro”.

De non obter resposta ou achegamento por parte das autoridades competentes, será o momento de pasar á outra acción programada, a tractorada do día 28 de maio, que inicialmente estaría vinculada ao territorio galego, aínda que desde estas organizacións agrarias non se descarta traspasar as fronteiras e adquirir unha dimensión estatal.

XXAA denuncia a “incompetencia” da ministra Elena Espinosa

O sindicato agrario Xóvenes Agricultores (X.X.A.A.) tildou de “mentirosa e incompetente” á ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM), Elena Espìnosa, e acusouna de ser “indigna” de representar ao campo español, despois de culpar aos gandeiros de falsear, hai 25 anos, os datos sobre a produción leiteira nunha carta remitida a agrupacións socialistas.

Desde XXAA recórdaselle á ministra que “foi o goberno socialista o que elaborou os datos de produción láctea” e que foi a partir de “1991 cando se tiveron en conta os datos de produción final das industrias e unha ‘declaración paralela’ da Xunta que se baseaba en previsións de crecemento real da produción”.

A organización agraria negou que pedira a fixación dun prezo mínimo do leite, porque “coñece a normativa comunitaria e que as regras de xogo dos políticos sobre o sector lácteo son cambiantes e o que vale este ano non vale para o próximo”. Ademais, declararon non entender que o Goberno “defenda un plan lácteo feito á medida de Galicia e os meses seguintes presente o mesmo plan lácteo estatal, pero feito á medida da Comunidade que lle toque estar en eleccións”.


Por outro lado, acusou á ministra de empregar o prezo de referencia para “gravar con multas aos gandeiros por sobreproducións inexistentes, e por unhas cantidades abusivas –máis de 3 millóns de euros- que aínda non devolveron aos afectados”. Desde XXAA pediuse un maior control sobre as importacións de leite e a súa trazabilidade e consideráronse os cartos que o ministerio destina ao sector lácteo (60 millóns de euros) como “unha miseria” para atender as “gravísimas dificultades que afectan a 200.000 empregos, sobre todo se temos en conta que para salvar 1.500 empregos na automoción van gastar 100 millóns”.

Sociedade