O son novo e versátil de Loaira

O son novo e versátil de Loaira

12 de Xuño, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Clara Pino (arpa celta e voz), Rubén Abel (guitarra) e Roi Adrio (percusións) achegan a súa destacada bagaxe profesional, tanto no ámbito da música clásica como no da folk, a un proxecto conxunto no que apostan pola música de autor e pola procura de sons novos e versátiles que, porén, beben directamente da música tradicional galega. Deste xeito e partindo das raíces, o trío ofrece unha mestura de ritmos e melodía

A Consellería de Cultura ofrece este xoves 14, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago o último concerto da cuarta entrega do ciclo ST Música Presente, que pecha o trío Loaira cun directo no que soarán os temas do seu debut discográfico homónimo.

A súa proposta musical está, ademais, intrinsecamente ligada á literatura, con letras sumamente coidadas, escritas neste caso xunto coa poetisa Mariña Pérez. Esta vinculación co ámbito literario esténdese tamén á súa colaboración co sociolingüista e novelista Manuel Portas, quen encargou a Loaira a musicalización do espírito dos personaxes que habitan o seu último libro, Un dedo manchado de tinta (Xerais, 2011). O resultado foi un cd con seis temas, que acompaña a edición desta novela ambientada en Santiago de Compostela.

Tres destacadas traxectorias artísticas

Editado en 2011 polo selo Sons Galiza Música, o primeiro disco de Loaira foi gravado case como un directo, ao que se lle engadiron recordings de guitarra, constituíndo pese a súa sinxeleza un traballo compacto e ben estruturado. Tal e como explica a discográfica, isto foi posible grazas á gran calidade e experiencia dos seus integrantes, que nos tres casos contan cunha destacada traxectoria artística ben como solistas, como no caso do galardoado guitarrista Rubén Abel, ben como membros doutros coñecidos grupos: Clara Pino co dúo Sete Saias e con Covalblú, e Roi Adrio con Faltriqueira e Quempallou, entre outros.

Co concerto deste xoves, a Consellería de Cultura e Educación pon fin a esta edición do ciclo ST Música Presente, que a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) puxo en marcha en 2010 co obxectivo de lles ofrecer aos selos discográficos unha nova canle de promoción e difusión dos traballos editados por conxuntos e artistas galegos. En 2012 foron cinco os grupos que interpretaron no Salón Teatro os temas dos seus últimos discos: ademais de Loaira, tamén Liorna, Riobó, Borja Cao Trío e Ugia Pedreira&Fred Martins actuaron este semestre na sede do Centro Dramático Galego. En total, 20 formacións e solistas de moi diferentes estilos terán participaron no ciclo desde a súa inauguración.

A venda anticipada de entradas para esta última cita de ST Música Presente está dispoñible a través da billeteira da web de Novagalicia Banco e do teléfono 902 43 44 43. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que abre ao público dúas horas antes do comezo do concerto. As localidades teñen un prezo especial único de 5 euros.

Sociedade