O tempo é un círculo

O tempo é un círculo

09 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Este é o nome da exposición da viguesa Menchu Lamas que se inaugura ás 20:00 horas na Casa das Artes da cidade olívica. A presentación correrá a cargo do  concelleiro de Cultura, Xesús López Carreira. Ademais estarán  presentes Antón Reixa, Julián Hernández, Manuel Romón e Antón Patiño que colaboran no catálogo con textos poéticos. A mostra reflicte unha ampla pan

A obra dos anos 90 está formada por ciclos moi coñecidos como “Lume”, “Lúa”, “Eclipse”. Círculos, óvalos, estructuras xeométricas, formas triangulares recortadas, diagonais que atravesan as superficies que definen a etapa máis minimalista da súa pintura. Presenzas hieráticas e solemnes que ocupan de forma contundente o campo de percepción. Muros cromáticos que, en ocasións, perfilan a retícula construtiva dunha parede de ladrillos. Xurden poderosas imáxenes-muro. Teñen un tratamento metalizado, con pequenas partículas de aluminio mesturadas coa pintura para producir un certo efecto reflectante.

Na primeira década do 2000, a súa pintura expresa un intenso vitalismo cromático, con recursos xestuais e un maior dinamismo na composición. Máis énfase policromo e insinuacións orgánicas, con fragmentos de perfís figurativos (en composicións de carácter máis complexo).

A proposta de Menchu Lamas chama a atención pola suxestiva fusión de elementos pop (que se aprezan nas súas cores planas e intensas), ingredientes da chamada action painting (a pintura de acción coa súa expresividade do xesto) e recursos minimalistas. Unha aleación de aparenza contradictoria que a artista de Vigo dosifica de forma moi persoal. A súa pintura destacou sempre pola afortunada mestura entre evocacións figurativas e a pronunciada expresividade abstracta dos seus recursos  que buscan a inmediatez e provocan un gran impacto visual.

O primitivismo é unha constante presente nas súas imáxenes xurdido cunha aparente espontaneidade, como emblemas directos ou iconos misteriosos que parecen proceder dun remoto subsolo mítico. A crítica en todo o mundo subliña o carácter arquetípico das súas imáxenes. A vida das formas expresa unha metamorfose, unha secuencia visual onde unha forma nos leva a outra nunha corrente visual ininterrumpida. Unha canoa que é unha lúa, un óvalo que define un hábitat, unha estancia pigmentada de cores intensas. Este repertorio arquetípico de formas configúrase por una tensión explícita arredor do universo urbano: textos con escritos impugnados, referenzas a rótulos de neón, fondo de números discontinuos. A luminosa xeometría da cidade crúzase cun mundo telúrico de presenzas primarias.

A “paixón cromática” é outro dos rasgos da pintura de Menchu Lamas. A artista exhibiu as súas obras en cidades de todo o mundo, seleccionada en importantes mostras colectivas. A súa pintura deuse a coñecer nos anos 80 e obtivo un gran recoñecemento desde entón.

O seu traballo establece unha relación profunda co imaxinario colectivo de Galicia. Este vínculo creativo coa identidade que se manifiesta na obra de Menchu Lamas percibiuno o crítico estadounidense John Rusell, que en 1985 publicaba un artigo en The New York Times no que comparaba a Lamas con Miró: “O imaxinario popular de Galicia aparece en Menchu Lamas como a paisaxe de Cataluña xurde en Joan Miró”.

“O tempo é un círculo” constitúe a mostra máis importante realizada pola artista na cidade de Vigo. Formada por obras de gran formato, como “Ela-Chuvia” (300x600 cm) “Fronteira", (300x400 cm) e un conxunto de obras de 250x250 cm e 250x200 cm. Anteriormente amosou a súa obra na Estación Marítima de Coruña “Itinerarios concéntricos” e no CGAC de Santiago de Compostela a exposición “A sombra na man". Lamas, unha das artistas galegas con máis proxección internacional vén de recibir o Premio de Cultura de Galicia no ámbito das artes.

A mostra permanecerá aberta na Casa das Artes de Vigo ata o domingo 10 de xullo.

Cultura