O temporal de mar de fondo causou estragos por valor de 250.000 euros nos portos galegos

O temporal de mar de fondo causou estragos por valor de 250.000 euros nos portos galegos

20 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Portos de Galicia estima en arredor de 250.000 euros, os danos ocasionados polo temporal de vento, chuvia e mar de fondo que azotou á comunidade autónoma durante esta semana. Así se deriva dunha primeira avaliación técnica dada a coñecer polo presidente do ente público, José Manuel Álvarez-Campana, na súa visita o venres ao peirao de Canido, en Vigo, no que o mar derrubou o edificio de departamentos para usuarios.

Álvarez-Campana ofreceu datos das estimacións iniciais do seu departamento a cerca dos danos sufridos nas infraestruturas portuarias de toda a franxa costeira. Informou, ao respecto, de que foron os portos da provincia de A Coruña os que sufriron danos máis contiosos, pese a que os efectos das inclemencias meteorolóxicas foron máis intensos na de Pontevedra. O ente público cifra inicialmente nuns 30.000 euros os danos sufridos na Mariña lucense; nuns 110.000 euros, os da provincia de A Coruña e en 21.000 euros, os dos portos pontevedreses.

Concretamente, as instalacións portuarias afectadas foron vinte: Celeiro, Espasante, Cariño, Laxe, Camelle, Arou, Santa Mariña (Camariñas), Fisterra, Sada, Corrubedo, Castiñeiras, Ribeira, O Grove, Pedras Negras, Aguete, Bueu, Aldán, Canido, Panxón e A Guarda.

Na Mariña lucense, o porto de Celeiro sufriu a rotura de tres norais no peirao comercial, cun custe estimado de 11.000 euros; Espasante, a rotura do balizamento na canle de acceso, cun custe de 3.000 euros; e Cariño, a rotura da porta do local de balizamento, rotura do balizamento no extremo do dique, e rotura de tres fingers no pantalán, cun custe total duns 7.000 euros. Esta cifra verase incrementada coa estimación dos danos sufridos pola escollera, que requiren dunha análise máis profunda para ser contificados.

Polo que respecta a franxa costeira da Coruña, o porto de Laxe veuse afectado por un movemento parcial da escollera, cun custe estimado de 50.000 euros. En Arou, cífranse os danos do arrastre de cantos da praia á estrada en 10.000 euros; en Santa Mariña houbo danos en pavimentos e varandas por un importe de 6.000 euros; en Fisterra sufríronse danos parciais, cun custe duns 2.000 euros. No porto de Sada, os danos na porta do pantalán estímanse en 2.000 euros; en Corrubedo, o desprazamento de lousas de formigón no espaldón, en 10.000 euros; en Castiñeiras a rotura da rampla de varada ascenderá a uns 24.000 euros; e en Ribeira o custe do desprazamento do bloque de coroación será duns 3.000 euros.

Finalmente, na provincia de Pontevedra, no porto do Grove foron danados algúns dos fingers do pantalán para mexilloeiros. O custe estimado é de 1.000 euros. Pedras Negras sufriu desprendementos da pasarela no pantalán deportivo e a rotura da porta de acceso, asi como dun tramo de barandilla no paseo sobre o dique de abrigo. O custe destes desperfectos ascende a uns 4.000 euros. No porto de Aguete houbo rotura das unións entre módulos do pantalán deportivo e descomposición do abrigo flotante. O coste estimado é de 3.000 euros. En Bueu, a rotura dun tramo de balaustrada no paseo marítimo ascenderá a 1.000 euros; mentres que en Aldán o afundimento do pantalán de descarga de produtos pesqueiros suporá outros 3.000 euros. En canto ao porto de Canido foi avaliado o custe dos danos dos derrubes nos departamentos de usuarios e a rotura do contenedor para depósitos de aceites usados, que se estima en 4.000 euros. A esta cifra haberá que sumar o custe da reparación da escollera, que tamén sufriu danos.

O caso de Panxón constitúe unha situación especial, dado que esta obra non foi aínda recibida por Portos de Galicia, senón que estaba en proceso de execución, polo que a contía dos danos deberá avaliarse por parte da empresa executora da obra. Por último, no porto da Guarda, o custe estimado da reparación tralo afundimento de parte do paseo portuario é de 3.000 euros.

Ante a relatada situación, Portos de Galicia informou de que ten comezado xa a intervención nas reparacións, que se levarán a cabo de forma prioritaria e urxente.

Institucional