O toldo ía no carro do señor Pepe

O toldo ía no carro do señor Pepe
07 de Abril, 2021 - 01:34 h. | Publicada por Radio Fene

Fene na memoria segue o toldo "O Pote" da familia Permuy polas festas da contorna, coas súas anécdotas tan ben contadas por Francisco Permuy. Eran outros tempos.

ESCOITA O PODCAST:

“O que come e bebe aquí, está tan gordo coma min” Así rezaba o lema do toldo "O Pote" que rexentaba o pai de Francisco Permuy, veciño de Magalofes. Desde os seis anos traballaba coa familia nese toldo co que ían ás festas de toda a redonda. Tantos anos entre as festas e na sala Perla de Perlío dan para moitas historias que Paco Permuy conta como ninguén e que recollemos no Obradoiro “Fene na memoria” que se emite os martes en Radio Fene.

Entre as anécdotas desta entrega coñecemos que o toldo da familia Permuy viaxaba no carro de vacas do señor Pepe coa súas cadeiras e mesas. Nelas sentaban as xentes que con ganas de festa bebían os refrescos Iris de Servia ou as novas Coca Colas que viñan de lanzarse ao mercado. Eran tempos nos que se devolvían os cascos e nada se tiraba ao chan. Conta Paco que no toldo familiar non se elaboraban comidas pero nunca faltaron as patacas fritidas no momento ou o chocolate con churros ao que seu pai tiña collido o punto. O señor Manolo encargábase de fritir as patacas. Un saco delas e un garrafón de aceite de oliva levábanse á festa para alí cortar os tubérculos e pasalos pola cocina. Moita xente levaba a comida da casa para pasar o día e collía as bebidas no toldo.

Conclúe Permuy que hoxe as festas cambiaron moito. As orquestras de hoxe son un espectáculo, as de antes tocaban as horas que fixeran falta, mesmo se marchaba a luz seguían soando ao servizo dos bailaríns.

 

(Foto do arquivo Fene.com. Festa do Pote de Maniños en 1968)

Sociedade

Publica o teu comentario agora