O uso do galego desaparece entre a xente nova

O uso do galego desaparece entre a xente nova
25 de Febreiro, 2021 - 01:02 h. | Publicada por Radio Fene

“Idioma e sociedade” do catedrático Xosé Ramón Freixeiro Mato (Laiovento) é un libro de interese para especialistas en temas lingüísticos pero tamén é un libro de divulgación para persoas que, sen pertencer a este mundo, están interesadas en coñecer cal é a situación social na que se encontra a nosa lingua.

ESCOITA O PODCAST:

O autor convoca en "Idioma e sociedade" a voces autorizadas nesta materia e confronta opinións diferentes. A situación actual, adiántanos Freixeiro, é a peor das vividas polo galego na súa historia. Entre o 2010 e 2020 fraguouse este desatino pero, aínda así, “hai sitio para o optimismo” declara o autor, quen nos convida a comprobar a situación nas vilas e nas cidades. “O uso do galego está desaparecendo entre a xente nova e parte da adulta. Fica entre a xente máis vella e iso non garante o futuro”. Para explicar porqué esa década foi tan negativa, Freixeiro bota man de diversos factores pero cita como determinante o factor político explicando que en 2009 volveu ao goberno o PP cun discurso moi agresivo contra o galego. Iniciouse un período de desmontaxe das políticas favorábeis ao noso idioma.  A primeira, segundo as súas palabras, foi mudar o Decreto do Ensino de 2007 que garantía un mínimo de ensino en galego do 50%, por outro Decreto de Plurilingüismo que rebaixou a presenza do galego nas aulas dun xeito moi significativo.

Estudos demoscópicos realizados en 1992 e 2004 demostran que o galego perde falantes dun xeito extraordinario nese período intersecular. En 1992 o galego era a lingua habitual do 70% da poboación, hoxe non pasa do 50%. Tamén constata Xosé Ramón Freixeiro que “ comparado con outras linguas minorizadas, o galego aínda ten presencia e hai elementos para a súa revitalización”. Daí o optimismo, pero a sociedade galega ten que reaxir e darse conta de que está en perigo un dos seus bens patrimoniais máis grandes. “Un idioma é un potencial para calquera país, tamén para a súa economía” defende o autor de “Idioma e sociedade”.

Para Freixeiro Mato estamos nas mans das forzas políticas e de que asuman esa vontade. Bota a vista atrás e lembra como en 2004 no Parlamento Galego, sendo presidente Manuel Fraga, chegouse a un gran acordo a favor da língua galega. “Ese foi o máximo expoñente de consenso político acadado nunca. En 2005 cando o bipartito quixo avanzar nesa liña, ao PP da oposición xa non lle interesou. "No ano 2007 cando ía votarse o novo decreto, o PP mudou a súa posición e converteu o galego nunha arma de confrontación política". En 2009, a súa campaña electoral foi moi agresiva, insiste Freixeiro, axudada polos medios de comunicación onde aparecían titulares falsos que deron os seus resultados.

“Ou retomamos a vía do consenso ou isto vai ser moi difícil” conclúe Xosé Ramón Freixiero Mato con que falamos tamén de normativas e das boas espectativas de convivencia armoniosa entre a posición reintegracionista e a oficial. “Non hai agresividade entre as partes” afirma o autor de “Idioma e sociedade”.

Cultura

Publica o teu comentario agora