O valor cultural dun muiño de maré

O valor cultural dun muiño de maré
29 de Novembro, 2025 - 12:23 h. | Publicada por Radio Fene

O pleno do Concello de Cabanas aprobou, por unanimidade, a proposta presentada polo BNG para reclamar á Xunta de Galiza a inclusión da Casa de Xan Ares e do Muíño de Maré do río Castro no novo Catálogo de bens de valor cultural do litoral, que se atopa en exposición pública até o próximo 1 de decembro. A formación nacionalista celebrou o apoio do resto de grupos da Corporación e salientou a relevancia desta decisión para “corrixir unha evidente e sorprendente falta de rigor nun documento que identifica 1.582 bens costeiros en toda Galiza pero non inclúe dous elementos de enorme valor patrimonial situados en Cabanas”.

Muiño do Río Castro entre Cabanas e Fene

O portavoz do BNG, Iago Varela, explicou que o obxectivo da proposta é garantir que Cabanas figure no catálogo “con aqueles elementos que nos definen como territorio”. “A Casa de Xan Ares e o Muíño de Maré son parte da memoria histórica, cultural e arquitectónica deste concello, e non podemos permitir que o noso patrimonio desapareza do mapa pola falta de actualización ou de coñecemento por parte da Xunta”, afirmou.

Varela recordou que a Casa de Xan Ares, construída a finais do século XIX, foi escenario dun dos primeiros mítines agraristas de Galiza. Alén disto, é un edificio singular e catalogado no Plan Básico Autonómico que conserva o muro de peche sobre o que existía un embarcadoiro tradicional. Pola súa banda, o Muíño de Maré do Río Castro, unha singular construción mixta capaz de funcionar coa auga do río e das mareas, “forma parte da nosa historia industrial e etnográfica, conservando elementos estruturais de gran valor”.

A moción sometida á votación do pleno polo BNG insta ao goberno local a reclamar a presentación de alegacións á exposición pública deste catálogo, e á Xunta de Galiza a modificalo, para protexer e poñer en valor o patrimonio litoral de Cabanas.

Para o BNG, este acordo representa “o primeiro paso para garantir que o noso patrimonio non quede relegado nin esquecido”.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora