O valor da asociación

O valor da asociación
07 de Novembro, 2022 - 10:38 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene e a Asociación de comercio, hostalaría e servizos O Cruceiro rubricaron o convenio nominativo mediante o cal a Administración local compromete unha achega de 10.000 euros para o financiamento das campañas de dinamización "Merca en Fene" desenvolvidas pola entidade entre o 1 de xaneiro e o 11 de decembro deste ano. Entre elas cóntanse os Outlets de inverno e verán, a Fashion Night do mes de xuño e os eventos promocionais coincidentes con datas sinaladas como Reis, o Entroido, o "Black Friday" ou o Nadal.

Fotografía: Cesar Galdo

No acto de sinatura do convenio participaron o alcalde de Fene, Juventino Trigo, Xoán Manoel Ramos en representación da asociación O Cruceiro, e tamén a concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira, quen destacou "o importante labor de dinamización" que leva a cabo a entidade, da que forman parte 58 negocios relacionados co comercio, a hostalaría e a prestación doutros servizos. 

 

Coira puxo en valor o calendario de eventos organizados polo Cruceiro ao longo do ano, co obxectivo de fidelizar clientela "empregando como argumentos a calidade na atención e nos produtos e servizos que ofrecen os seus asociados, ademais dos prezos vantaxosos".

 

Na relación de citas programadas nos últimos meses -que constan na memoria presentada pola entidade- figuran accións comerciais como as feiras de oportunidades dos meses de marzo e setembro, entre as que se intercalou a Fashion Night celebrada en xuño. Tamén cabe mencionar o Black Friday previsto para o próximo 25 de novembro e a campaña "Adianta o teu Nadal" que o colectivo vai promover a principios de decembro como maneira de animar as compras anticipadas -e máis económicas- de cara ao Nadal. 

 

Ademais, o tecido comercial e hostaleiro agrupado no Cruceiro tamén é parte activa con ofertas e promocións especiais doutras datas sinaladas, como é o caso de Reis e o Entroido.

 

Con todas estas propostas, O Cruceiro tenta "axudar á promoción dos establecementos", especialmente "na situación de crise actual que afecta a todos os sectores" e á que "hai que adaptarse", indícase na memoria de solicitude do convenio asinado o venres. 

 

As actividades financiadas cos 10.000 euros de subvención municipal buscan, en último caso, revitalizar e dinamizar o comercio, a hostalaría e os servizos de Fene como referente principal dentro do concello e na súa área de influencia, ademais de atraer nova clientela, potenciar o consumo -tamén de produto local, en especial o gastronómico- e xerar emprego.

Institucional

Publica o teu comentario agora